A Policía Nacional desmantelou 28 puntos de venda de droga en Galicia, no que vai de ano
Na provincia da Coruña desmantelaron nove puntos activos e en Lugo cinco, sobre todo de cocaína e cannábicos. Vinte e unha persoas foron detidas na Coruña e nove en Lugo
En Ourense, localizáronse cinco puntos e detivéronse sete responsables
En Pontevedra e Vigo, foron desmantelados en total nove puntos e venda e detidos os seus responsables

A Policía Nacional leva desarticulados un total de 28 puntos de venda e consumo de substancias estupefacientes en diferentes localidades das catro provincias galegas no que vai ano, segundo os datos facilitados pola Policía Nacional.
Desagregado por provincias, na da Coruña, xa se desarticularon nove puntos activos de venda e consumo de substancias estupefacientes e detiveron 21 persoas como responsables destes puntos de distribución.
En total, nestas operacións, os axentes aprehenderon doce quilos de cocaína, catorce quilos de haxix e tres quilos de marihuana, así como diñeiro en efectivo e vehículos, algúns deles "caleteados", é dicir, preparados para esconder substancias no seu interior sen seren detectadas.
Na cidade de Lugo, as operacións policiais saldáronse co desmantelamento de cinco puntos negros activos na venda de substancias, sobre todo de cocaína e cannabiloides; foron detidas nove persoas.
Na cidade de Ourense, os axentes da Policía Nacional localizaron cinco puntos activos de venda de substancias e detiveron os seus sete responsables. Tamén se incautaron de dous quilos de cocaína e outras substancias en menor cantidade, xa dispostas para a súa venda final.
Entre as cidades de Pontevedra e Vigo desartelláronse nove puntos de venda e consumo de substancias e detivéronse os seus responsables últimos. Foron aprehendidas tamén cantidades dispostas para a venda de haxix, marihuana, cocaína e heroína, e útiles para a súa pesada e distribución. Tamén foron requisadas armas, como unha pistola de aire comprimido ou un fusil de pesca submarina.
A Policía Nacional destaca que estas operacións coordinadas en toda Galicia son resultado do plan estratéxico establecido e demostran o seu firme compromiso na loita contra os puntos de venda polo miúdo e consumo de substancias, e coa consecuente protección da seguridade cidadá.
A desarticulación destes puntos, non só supón un golpe significativo ás redes de distribución de droga, senón que tamén contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños e a previr a comisión doutros delitos asociados ao tráfico de estupefacientes.
A Xefatura Superior de Policía de Galicia agradeceu a colaboración cidadá, que tanto nestes casos coma noutros tipos de actividades delituosas, é fundamental para iniciar e culminar con éxito estas investigacións.
As investigacións levan a estas desarticulacións, das que afirma a Xefatura Superior da Policía en Galicia que non só supoñen un golpe significativo ás redes de distribución de droga, senón que tamén contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños e a previr a comisión doutros delitos asociados ao tráfico de estupefacientes.
A Policía Nacional continúa simultaneamente traballando na investigación destas e outras actividades delituosas de maior calado, relacionadas co narcotráfico en Galicia, co obxectivo de identificar e deter os seus responsables, e evitar así que poidan abastecer os puntos de venda de substancias polo miúdo, salienta no seu comunicado.