Desarticulado un punto de venda e consumo de drogas nunha vivenda ocupada de Vigo, nun operativo con dous detidos
Desarticulado un punto de venda e consumo de drogas nunha vivenda ocupada de Vigo, nun operativo con dous detidos
Durante o operativo procedeuse á detención de dous homes, responsables de venda e identificouse a outras 9 persoas

Axentes da UDYCO da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela detiveron a dous homes e desarticularon un punto negro de venda e consumo de drogas situado nunha vivenda unifamiliar ocupada na zona de Travesía de Vigo.
Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse hai varios meses, por mor de informacións recibidas sobre un punto de venda e consumo de droga nesa vivenda. As informacións foron corroboradas por actuacións policiais na zona e comprobouse que había "un intenso tráfico de persoas drogodependentes" que acudían a ese punto para comprar drogas e a quen se lles interveu mesmo pequenas cantidades de tusi (cocaína rosa).
Así, na mañá deste xoves, efectivos de Seguridade Cidadá, grupo UPR, entraron na vivenda, que logo foi rexistrada por axentes da UDYCO.
Durante o operativo procedeuse á detención de dous homes, responsables dese punto de venda de estupefacientes, e identificouse a outras 9 persoas que estaban no lugar consumindo droga.
Ademais, foron intervidos un total de 14 gramos de cocaína en roca máis coñecida como crack, e oito papelinas de cocaína, básculas de precisión e efectos para o empaquetado.

Con esta actuación dáse por desactivado este punto de distribución e consumo de substancia estupefaciente.
Os detidos pasaron ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda á primeira hora deste venres.