Os veciños do Couto, en Oleiros, seguen reclamando un paso de peóns
Levan anos pedindo que se habilite un punto para cruzar a estrada e que se reduza o límite de velocidade
O paso de peóns máis próximo está a aproximadamente un quilómetro, así que os veciños do Couto asumen o risco de cruzar polo medio da estrada. É perigoso porque ademais a maioría dos coches e das motos non respectan o límite de velocidade. Unha veciña asegura que "pasan a 100 e a 120, ou máis" e outra engade que "voan, non pasan, voan".
Durante anos tocaron en todas as portas posibles para pedir un paso de peóns preto da parada dos autobuses e do transporte escolar. Din que loitaron por activa e por pasiva e que lles deron todo tipo de escusas.
A Xunta, titular da estrada, argumentou que non pode habilitar un paso de peóns neste lugar, entre outras razóns porque a vía non é urbana, senón interurbana, e porque a velocidade está limitada a setenta quilómetros por hora e non a cincuenta, como esixe a normativa. A explicación non convence no Couto.
"Iso é unha desculpa porque se puxeron pasos de peóns en todas partes. O único que teñen que facer é reducir a velocidade a cincuenta. En canto a reduzan poden poñer o paso de peóns, pero non queren porque din que teñen que darlle un respiro aos coches tamén", quéixase Guadalupe Concepción, unha das veciñas máis activas nas protestas.
Explican que viven nunha zona en expansión e que cada vez hai máis veciños e, polo tanto máis tráfico e máis inseguridade.