Unha veciña de Santa Comba denuncia que leva tres anos sufrindo o ruído do taller baixo a súa vivenda
Unha veciña de Santa Comba denuncia que leva tres anos sufrindo o ruído do taller baixo a súa vivenda
Quéixase de inacción do Goberno municipal ante as numerosas denuncias que leva presentado na Policía Local
O ruído que xera a maquinaria dun taller téxtil situado nun baixo dunha rúa de Santa Comba ten no desacougo a familia residente no primeiro andar. Como proba do que está a sufrir, María amosa gravacións e as denuncias e documentos que leva en tres anos de loita para erradicar vibracións e ruídos, di, difíciles de aguantar nunha vivenda.
Este día as máquinas do taller estaban paradas e as persoas que alí estaban rexeitaron amosar poñelas en marcha para percibir o ruído que fan. Fóra da porta tamén rexeitaron darnos a súa versión do problema.
A veciña denunciante explica que unha empresa homologada certificou que o ruído que chega ao seu fogar excede en cinco decibeles o máximo legal permitido, cunha conclusión clara sobre a actividade do baixo. E iso, di María, que o día da medición non tiñan en marcha todas as máquinas que adoitan manexar.
O alcalde de Santa Comba di que a sonometría encargada polo Concello dera un exceso de só un decibel. Ante isto, segundo Alberto Romar, a empresa emitiu un informe marcando as medidas que o taller debe aplicar para corrixir as deficiencias.
A prexudicada cuestiona a validez desa medición. Di que curiosamente aquel día tamén había máquinas apagadas. Critica a actitude do Goberno local e segue presentando reclamacións por un ruído que, segundo conta, prexudica a súa saúde e a vida familiar no seu fogar, mesmo no horario considerado de descanso e sen ruídos.