Condenados cinco exdirectivos de Blusens por piratear contidos audiovisuais con dispositivos Web TV
Aceptan seis meses de prisión e unha multa por distribuír aparellos que facilitaban o acceso ilegal a plataformas de pago

Condenan cinco exdirectivos da compañía tecnolóxica galega Blusens a seis meses de prisión por comercializar entre 2014 e 2018 un dispositivo chamado Blusens Web TV, que permitía acceder de forma ilegal a contidos audiovisuais de plataformas de pago e a copias fraudulentas de obras protexidas por dereitos de autor.
A sentenza, ditada polo Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela e con data do 9 de abril, recolle un acordo entre as partes, polo que o fallo é firme. Ademais da pena de prisión, os acusados deberán pagar unha multa de 1.080 euros e teñen prohibido traballar en actividades relacionadas con dispositivos Web TV durante un ano.
Venda masiva e prexuízo económico
Durante o período investigado, vendéronse uns 35.000 dispositivos a un prezo aproximado de 100 euros, o que xerou máis de 3 millóns de euros en ingresos. Segundo a sentenza, o prexuízo económico causado por esta actividade sitúase nuns 100.000 euros.
O aparello permitía ver de forma gratuíta os contidos de televisión e plataformas dixitais de pago, polo que empresas como Telefónica, Warner, La Liga, Mediapro e Multicanal, ademais da Fiscalía, presentaron denuncia contra os responsables.
Un dos condenados foi o expresidente de Blusens, José Ramón García, considerado o "principal responsable da organización e do entramado empresarial usado para a actividade delituosa".
Empresas e acusados absoltos
Tamén foi condenada a empresa Magna Technology, cunha multa de 25.000 euros, mentres que Blusens non puido ser sancionada por estar xa disolta.
Outros tres procesados e tres empresas foron absoltos, tras retirarse as acusacións contra eles. A sentenza tivo en conta as atenuantes de reparación do dano, ao terse abonado a responsabilidade civil, e de dilacións indebidas durante o proceso.