Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cae unha banda que gañou 5 millóns distribuíndo ilegalmente películas e series

Cae unha banda que gañou 5 millóns distribuíndo ilegalmente películas e series

A organización captaba o sinal emitido vía satélite e distribuíao entre os seus clientes a cambio dunha subscripción anual de entre 90 e 169 euros

G24.gal 31/05/2024 09:50 Última actualización 31/05/2024 10:25

A Policía Nacional desartellou unha banda que supostamente obtivo máis de cinco millóns de euros captando e distribuíndo de forma ilegal películas, series e canles de televisión que despois ofrecían aos seus máis de 14.000 clientes a cambio dunha subscrición.

Oito dos seus principais membros foron detidos nas provincias das Palmas de Gran Canaria -onde a organización tiña a súa base de operacións-, Madrid, Oviedo e Málaga, informou a Dirección Xeral da Policía.

A investigación iniciouse en novembro de 2022 despois de que Alliance for Creativity and Entertainment, unha coalición de empresas do sector do entretemento que vela polos dereitos de autor, interpuxese unha denuncia contra os responsables de dúas páxinas web.

Nelas, alegaba, estaban a comercializar contido audiovisual que vulneraba os seus dereitos de propiedade intelectual.

A través dunha complexa investigación informática e bancaria, entre outras pescudas, axentes da Unidade Central de Ciberdelincuencia acreditaron que as webs denunciadas foran rexistradas por un home de orixe neerlandés, tamén encargado do control e a operatividade das mesmas.

Este home, o principal investigado, era o xefe dunha armazón que, baixo a aparencia dunha estrutura empresarial lexítima, ingresara máis de 5,3 millóns de euros desde 2015.

Fíxoo empregando tecnoloxía e artificios técnicos moi avanzados para captar os sinais emitidos vía satélite en multitude de países.

Posteriormente, amplificaban e desencriptaban o contido multimedia, que ofrecían de forma pública e ilícita nas súas páxinas web, que tiñan 14.000 subscritores que pagaban por acceder a elas entre 90 e 169 euros ao ano.

En total, calculan os investigadores, ofreceron máis de 130 canles de televisión internacionais e miles de películas e series, co consecuente prexuízo para os dereitos dos autores, produtores e distribuidoras das obras.

Unha vez que acreditaron o procedemento da trama, os axentes realizaron rexistros simultáneos nas Palmas de Gran Canaria e Madrid, nos que interviñeron un vehículo e dous computadores.

Ademais, bloquearon 80.000 euros que estaban almacenados en diversas contas bancarias e 16 das páxinas web controladas pola organización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade