Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo pide a dimisión de Sánchez e ofrécese aos socios do Goberno para "abrir unha nova etapa"

Feijóo pide a dimisión de Sánchez e ofrécese aos socios do Goberno para "abrir unha nova etapa"

O líder dos populares pide a renuncia do xefe do Executivo tras a declaración ante o xuíz do conseguidor do caso Koldo

EFE
G24.gal 21/11/2024 15:21

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ofreceuse aos socios do presidente do Goberno para abrir unha nova etapa tras as acusacións vertidas contra o Executivo e o PSOE por parte do presunto comisionista da trama Koldo, Víctor de Aldama.

Feijóo dirixiuse aos socios do PSOE porque, ao seu xuízo, deben "preguntarse que gañan protexendo esta podremia". Por iso, ofreceuse para explorar unha posible moción de censura, sen chegar a pronunciar en ningún momento esta ferramenta parlamentaria. 

"É evidente que non teño os votos para acabar co Goberno, pero se algún dos socios quere acabar con todo isto, que saiba que estou a disposición para abrir unha nova etapa no noso país", afirmou Feijóo nunha comparecencia de prensa, sen preguntas, no Congreso dos Deputados.

Feijóo reaccionou así á declaración de Víctor de Aldama, que ante o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno declarou que pagou 400.000 euros en efectivo ao exministro de Transportes José Luis Ábalos e 250.000 ao seu entón asesor Koldo García, e que fixo chegar outros 15.000 euros ao secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán. 

Aldama sinalou tamén que a foto que se fixo co presidente do Goberno e que transcendeu nos medios fixéronlla a pedimento de Pedro Sánchez a modo de agradecemento por unhas xestións que realizara en México. 

O presidente do PP sinalou que as revelacións que se están coñecendo evidencian que Sánchez "non veu a servir senón a servirse" e criticou que os membros do Goberno "calen", pero tamén os seus socios cando o que están a coñecer é "sumamente escandaloso". "A resposta non pode ser ventilalo todo con 'un todo é mentira'", salientou.

O líder da oposición defendeu que "Sánchez debe de dimitir e o seu Goberno debe irse con el". "Se queda algo de dignidade, váiase xa", exhortou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade