O Congreso aproba o paquete fiscal do Goberno que inclúe impostos á banca e ás multinacionais
O Congreso aproba o paquete fiscal do Goberno que inclúe impostos á banca e ás multinacionais
As medidas saíron adiante co apoio de todos os grupos agás PP, Vox e UPN que votaron en contra
O Congreso aprobou este xoves a transposición da directiva europea que regula un tipo mínimo do 15 % para as multinacionais e o paquete fiscal do Goberno, que inclúe medidas como os impostos á banca e os vapeadores ou unha subida da fiscalidade do tabaco.
Tras varias semanas de duras negociacións e vetos cruzados, que chegaron a poñer en perigo unha norma que prevé recadar 8.000 millóns, o proxecto de lei resultou aprobado por 178 votos a favor fronte a 171 votos en contra e pasa agora ao Senado, onde continuará a súa tramitación.
Ata esta mesma mañá, Podemos mantiña a súa intención de votar en contra, o que faría decaer a lei, e só cambiou a súa posición tras pechar un acordo co PSOE para impulsar un imposto para as enerxéticas.
Transposición da directiva
O proxecto de lei avalado este xoves adapta a regulación nacional do tipo mínimo do 15 % para as multinacionais á directiva europea, unha transposición que xa vai con atraso, o que levou á Comisión Europea a abrir expediente a España
Impostos aprobados
Tamén incorpora unha batería de medidas fiscais pactadas polo Goberno cos seus socios parlamentarios, entre as que destaca a creación dun imposto sobre a marxe de intereses e comisións bancarias, que substituirá ao actual gravame extraordinario e que será concertado coas facendas forais.
Así mesmo, establécese un imposto para os vapeadores, unha subida da tributación do tabaco, un aumento do IRPF para as rendas do capital superiores a 300.000 euros e unha baixada do imposto de sociedades para pemes, así como unha serie de cambios normativos para combater a fraude fiscal no sector dos hidrocarburos.
Tamén se aproban modificacións no imposto de sociedades que permitirán compensar o efecto na recadación da anulación, por parte do Tribunal Constitucional, das reformas realizadas polo PP a este imposto e que supoñerían, segundo a ministra de Facenda, María Jesús Montero, a perda de 5.000 millóns en ingresos só este ano.
En cambio, quedou fóra a subida da tributación do diésel para equiparalo á gasolina e boa parte das medidas pactadas con Sumar, como os impostos para os bens de luxo e as grandes herdanzas ou para retirar os beneficios fiscais a socimis e seguros de saúde privados.
Negociacións ata o último momento
Aínda que a transposición da directiva contaba cun amplo consenso parlamentario, a decisión de introducir o paquete fiscal do Goberno complicou a aprobación da lei ata o punto de que, á primeira hora deste xoves, aínda se atopaba no aire.
Inicialmente, o Goberno pechou o apoio de PNV e Junts, aos que posteriormente se engadiu Sumar, pero o resto de socios parlamentarios negábanse a avalar a norma a menos que incluíse o mantemento do imposto ás enerxéticas, que Junts rexeitaba.
O luns, case ao final unha Comisión de Facenda caótica, na que a lei ía caer, o Goberno acordou con ERC, Bildu e Junts estender un ano o gravame enerxético, pero aínda necesitaba atar os catro votos de Podemos con vistas ao pleno deste xoves.
Xa iniciado o pleno, Podemos anunciou un acordo co PSOE para impulsar entre todos os socios parlamentarios un proxecto de lei que regule o imposto ás enerxéticas, o que xerou certo malestar no PNV, que non fora informado, a diferenza doutros grupos como Bildu. A chave desta futura lei é Junts, cuxo voto é imprescindible para sacala adiante.
A banca emprenderá accións legais contra o novo imposto
As patronais bancarias AEB e CECA mostraron o seu "absoluto rexeitamento" ao novo imposto ao sector polo "seu impacto económico e a inseguridade xurídica que xera", e aseguraron que a taxa restará 50.000 millóns de novo financiamento a familias e empresas.
Nun comunicado, as asociacións reiteran a súa determinación de emprender accións legais e avisan de que o imposto non ten "parangón" na UE, de xeito que prexudica ás entidades españolas e do conxunto da economía. Ao que engaden que supón a "fragmentación" do mercado interior pola súa diferente aplicación entre comunidades autónomas.
Desde o seu punto de vista, a medida carece de xustificación técnica porque a política monetaria "entrou nun novo ciclo de baixada dos tipos de interese". Por todo isto, AEB e CECA inciden na inseguridade xurídica e os graves efectos económicos dun imposto "xestado nun proceso caótico e pouco transparente" no que non houbo "diálogo co sector".