Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía brasileira presenta cargos contra Bolsonaro polo intento de golpe contra Lula

A Policía brasileira presenta cargos contra Bolsonaro polo intento de golpe contra Lula

Bolsonaro, que gobernou o país entre 2019 e 2022, está entre os sinalados pola Policía Federal, así como algúns xenerais, antigos ministros e exasesores do seu Goberno

A investigación constatou a existencia dunha trama que actuou "de forma coordinada", tras as eleccións de 2022, para "tentar manter" a Bolsonaro no poder

O obxectivo, segundo a investigación, era asasinar a Lula e Alckmin, e crear un "comité de crise" integrado por militares afíns a Bolsonaro

G24.gal 21/11/2024 20:38

A Policía Federal de Brasil presentou cargos este xoves contra o expresidente Jair Bolsonaro pola suposta trama golpista que buscou derrocar ao actual mandatario, Luiz Inácio Lula da Silva, despois das eleccións de 2022, informaron fontes oficiais.

A institución denunciou a 37 persoas, entre eles varios militares de alto rango, polos delitos de "abolición violenta do Estado democrático de Dereito, golpe de estado e asociación ilícita", segundo informou nunha nota.

Bolsonaro, que gobernou o país entre 2019 e 2022, está entre os sinalados pola Policía Federal, así como algúns xenerais, antigos ministros e exasesores do seu Goberno.

Na lista está Walter Braga Netto, xeneral da reserva do Exército e quen foi ministro da Presidencia e de Defensa, ademais de candidato a vicepresidente de Bolsonaro en 2022; e Almir Garnier Santos, excomandante da Mariña.

A investigación constatou a existencia dunha trama que actuou "de forma coordinada", tras as eleccións de 2022, para "tentar manter" a Bolsonaro no poder.

Esta mesma semana, as autoridades brasileiras detiveron a catro militares e un axente da Policía Federal acusados de idear un plan para o magnicidio de Lula, o vicepresidente Geraldo Alckmin, e o xuíz do Supremo, Alexandre de Moraes, instrutor da causa.

O obxectivo, segundo a investigación, era asasinar a Lula e Alckmin, e crear un "comité de crise" integrado por militares afíns a Bolsonaro. Os plans barallaban o envelenamento como forma de segar a vida da fórmula que gañou os comicios de 2022.

Un dos arrestados nesa operación foi o xeneral da reserva Mario Fernandes, quen figura na lista de denunciados divulgada este xoves pola Policía.

O informe final da Policía Federal, que ten máis de 700 páxinas, foi enviado á Corte Suprema, que supervisa o caso.

Nel recóllese que os investigados "estruturáronse" en diferentes núcleos para levar a cabo o golpe. Eran grupos con tarefas como difundir bulos, incitar aos militares, buscar saídas xurídicas; executar os plans golpistas e ata un de intelixencia.

O fiscal xeral de Brasil, Paulo Gonet, encargarase agora de analizar o informe policial e presentar ou non ante o Supremo unha denuncia formal contra os investigados.

Lula gañou por unha estreita marxe as eleccións de outubro de 2022 ante o líder da estrema dereita brasileira, que nunca recoñeceu a súa derrota.

A partir de aí ocorreron unha serie de graves incidentes que tentaron impedir a investidura do dirixente progresista, o que terminou ocorrendo o 1 de xaneiro de 2023.

Houbo bloqueos de camioneiros en estradas, campamentos diante os cuarteis pedindo unha "intervención militar" e graves disturbios en Brasília, incluíndo un intento de atentado con explosivos nun camión cisterna preto do aeroporto de Brasília.

O colofón ocorreu o 8 de xaneiro de 2023, unha semana despois da investidura de Lula, cando miles de activistas de extrema dereita invadiron e esnaquizaron as sedes da Corte Suprema, o Congreso e a Presidencia, a fin de incitar aos militares para saír ás rúas para derrocar ao líder progresista.

Durante ese ano, Bolsonaro e a súa contorna máis próxima foron obxecto de diversas operacións policiais. Nunha delas foi atopado un borrador de decreto presidencial para anular o resultado das eleccións de 2022 e intervir o Tribunal Superior Electoral, órgano encargado de organizar os comicios.

Bolsonaro sempre negou esas acusacións e declarouse un perseguido da Xustiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade