Desmantelan un grupo criminal brasileiro que planeaba o asasinato de Lula da Silva en 2022
Desmantelan un grupo criminal brasileiro que planeaba o asasinato de Lula da Silva en 2022
A operación Puñal verde e amarelo estaba pensada para decembro de 2022
O plan incluía o asasinato de Lula da Silva, Geraldo Alckmin e Alexandre de Moraes
A Policía Federal do Brasil desmantelou este martes unha organización criminal que planeaba o asasinato do actual presidente do país, Luiz Inácio Lula da Silva. A organización estaba composta maioritariamente por militares adestrados polas Forzas Especiais e buscaban impedir a toma de posesión do presidente tras a súa vitoria en decembro de 2022.
O plan incluía tamén o asasinato do compañeiro de candidatura de Lula e actual vicepresidente, Geraldo Alckmin, e o do maxistrado do Supremo Tribunal Federal, Alexandre de Moraes, para "restrinxir o libre exercicio do Poder Xudicial".
Ademais, Moraes é o instrutor do proceso que investiga os actos golpistas do 8 de xaneiro de 2023, cando miles de seguidores do expresidente e líder da ultradereita, Jair Bolsonaro, asaltaron as sedes da Presidencia, o Congreso e o Tribunal Supremo de Brasil nun intento de forzar un golpe, de Estado contra Lula da Silva.
Golpe de Estado contra o presidente do Brasil
Baixo o nome de Puñal verde e amarelo, esta operación golpista estaba pensada para ser executada o 15 de decembro de 2022, 45 días despois de que a candidatura de Lula da Silva e o esquerdista Partido dos Traballadores vencese cun 51 % dos votos.
O plan criminal incluía a instalación dunha "oficina de xestión de crise institucional" da que formarían parte os propios involucrados, e detallaba "os recursos humanos e militares necesarios" para levar a cabo o asasinato, con "un alto nivel de coñecementos técnico-militares", segundo a Policía brasileira.
O secretario xeral da Presidencia, Márcio Macêdo, afirmou tras a difusión da información policial que "non vai haber tolerancia para aqueles que atentan contra o estado democrático de dereito" nunha conversación con xornalistas no marco do Cume do G20.
O ministro de Comunicación do Goberno brasileiro, Paulo Pimenta, declarou tamén sobre o acontecido no marco do G20. Afirma que a operación desmantelada "brinda novos elementos extremadamente graves sobre a participación de persoas do núcleo de poder do goberno de Bolsonaro no golpe de Estado".
A operación Contragolpe, lanzada pola Policía este martes, inclúe ordes de prisión preventiva, incautación e outra medidas cautelares como a prohibición de saír do país. Os involucrados poderán chegar a ser xulgados polos delitos de abolición violenta do Estado democrático de dereito, golpe de Estado e organización criminal.