Os capóns de Vilalba xa están engordando nas capoeiras
Os capóns de Vilalba xa están engordando nas capoeiras
A feira desta ave terá lugar o 21 de decembro
Os prezos van entre 90 e 150 euros por exemplar
Os capóns de Vilalba entraron nas capoeiras rozando os cinco quilos de peso ou mesmo superándoos. Agora van permanecer nelas ata os días previos á Feira do Capón que se celebra o 21 de decembro. Neste tempo, o descanso, a temperatura constante e a dieta de millo e patacas fan que alcancen os niveis de graxa óptimos e que a carne adquira todo aquilo que a fai única e diferente.
"Agora trátase de que manteñan os cinco quilos ou que collan máis. E que a carne se asente.", sinala María López, que cría capóns en Lanzós
Pero antes de chegar ás capoeiras, houbo un traballo moi intenso por parte dos criadores que comezou na primavera. E é que a contorna en que se crían e a alimentación que reciben varía ao longo dos meses que permanecen nas mans dos produtores. Un traballo diario que os clientes seguen recompensando ano tras ano.
"Chegan en xuño con catro semanas, cápanse con cinco e logo botan fóra comendo herba e trigo ata ir ás capoeiras.", explica Oliva Souto, de Goiriz
A maior parte dos capóns xa están vendidos a día de hoxe e cuns prezos que van entre os 90 e os 150 euros en función do peso e a calidade. Pero, ollo, porque o día da feira algún exemplar pode chegar ata os 200 euros.