Publicador de contidos
Publicador de contidos

O miradoiro da Torre dos Andrade, en Vilalba, será reacondicionado para as visitas

O miradoiro da Torre dos Andrade, en Vilalba, será reacondicionado para as visitas

O Ministerio de Industria investirá 1.200.000 euros nas obras de melloras deste BIC

Torre dos Andrade, en Vilalba
Félix Aragunde 04/09/2024 19:31 Última actualización 04/09/2024 20:04

O principal reclamo turístico de Vilalba, a Torre dos Andrade, forma parte do parador da capital chairega. Erixida na Idade Media, conta con media ducia de cuartos no seu interior.

Ademais, ofrece as mellores vistas panorámicas da vila e dos arredores, polo que o Ministerio de Industria decidiu apostar pola mellora deste ben de interese cultural.

A intervención suporá retirar a cuberta de lousa, o que permitirá camiñar por toda a superficie superior da torre. Ademais, colocaranse bancos de pedra para aproveitar o miradoiro, que será accesible para todo o mundo.

Antonio Graña, director do Parador de Vilalba: "Mellorarase a iluminación actual, e tamén se pretende realizar unha limpeza dos muros, coa súa impermeabilización, co fin de acabar coas humidades do edificio".

As obras na torre vilalbesa, para as que xa se abriu a licitación, contaban cun orzamento inicial de máis de 800.000 euros con cargo a fondos europeos. Posteriormente, dado o seu potencial, Turespaña elevou esa contía ata os preto de 1.200.000 actuais.

Antonio Graña, director do Parador de Vilalba: "Este patrimonio hai que coidalo, mantelo, poñelo en valor e intentar achegalo á xente".

No marco do mesmo plan estratéxico de paradores, tamén están previstas actuacións noutros establecementos do país.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade