Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xustiza outorga ao Estado os 559 bens do Pazo de Meirás que reclamaban os Franco

A Xustiza outorga ao Estado os 559 bens do Pazo de Meirás que reclamaban os Franco

O ditame conclúe que o Estado nunca realizou unha declaración de recoñecemento da súa propiedade en favor da familia do ditador

Pódense clasificar como Patrimonio Nacional, Patrimonio Documental Español ou Patrimonio Histórico Español

Imaxe de arquivo do Pazo de Meirás Imaxe de arquivo do Pazo de Meirás
G24.gal 08/11/2024 18:09

O xulgado de primeira instancia número 70 de Madrid outorgou ao Estado a propiedade de 559 bens do Pazo de Meirás que reclamaban os herdeiros do ditador Francisco Franco.

Unha sentenza do 7 de novembro estima integramente a demanda da Avogacía Xeral do Estado, co apoio do Concello de Sada e a Xunta de Galicia, que reclamaba 2 bens para Patrimonio Nacional, 409 para o Patrimonio Documental Español e 148 para o Patrimonio Histórico Español.

Polo tanto, establece que estes bens pertencen ao Estado, impón o pago das custas procesuais aos Franco e abre un prazo de vinte días para presentar recurso de apelación, que resolvería a Audiencia Provincial de Madrid.

Segundo a sentenza, parte destes bens están vinculados á figura da escritora Emilia Pardo Bazán, anterior propietaria do Pazo de Meirás. Estes chegaron a mans dos Franco a partir de 1938, cando o edificio cambiou de mans.

Outros "se introduciron no Pazo de Meirás entre 1938 e 1975" cando o inmoble tivo un uso público como residencia de verán do entón Xefe do Estado.

O fallo dá a razón ás partes demandantes, que sostiveron que "os bens mobles que existían no seu interior durante ese período temporal quedaron afectos ao mencionado servizo público", ademais de defender que isto non prescribe, como alegaron os Franco.

A demanda inicial incluía 5 bens máis do Patrimonio Histórico Español, aínda que no propio xuízo oral o Estado renunciou a eles, pois se trata dunha serie de cadros que "despois dun análise estilístico, non encaixan cos requisitos que deben cumprir para atribuírlles ese valor histórico, e iso con independencia de que fosen incluídos antes ou despois de 1975".

O Concello de Sada móstrase satisfeito

Tras ter constancia do ditame, desde o Concello de Sada, onde se sitúa o Pazo de Meirás, mostraron a súa satisfacción "ao comprobar que a Xustiza segue a darnos a razón no traballo que levamos facendo para garantir a titularidade pública do Pazo de Meirás". "Desde Sada sempre defendemos que o Pazo é un ben público e todo o que garda é patrimonio da cidadanía, non dos herdeiros do ditador".

Os Franco aínda teñen bens no interior do Pazo

A pesar desta sentenza, houbo outro proceso xudicial na Coruña relativo a unha pequena cantidade de bens que a familia quixo retirar cando se executou a sentenza que daba a propiedade do inmoble ao Estado.

Naquel momento, a Xustiza fallou tamén a favor do Estado, aínda que de forma parcial, pois deu aos Franco a propiedade dos anxos de bronce da capela, unha escultura pétrea dunha Virxe cun neno, unha lámpada sobre unha pilastra dunha escaleira e tres apliques metálicos, ademais das alfombras de corredor que xa estaban recoñecidas, todos eles no interior do pazo.

Inicialmente, estes elementos ían ser retirados do inmoble o verán pasado, pero ante a nova demanda tramitada en Madrid, a familia decidiu deixalos no seu lugar ata que se resolvese esta acción.

Entón a Xustiza argumentou que todos os elementos existentes no exterior do pazo tiñan natureza de bens inmobles por destino, pois subliñou que "o xardín do pazo de Meirás sería un simple xardín" sen eses elementos mobles, "perdendo a súa propia idiosincrasia e contido".

O tribunal destacou no seu momento que "non consta que tales bens se introducisen no pazo con posterioridade á morte de Francisco Franco", á vez que indica que "moitos deles estaban en vida de Emilia Pardo Bazán", polo que eses non poderán ser retirados pola familia Franco.

A Audiencia coruñesa recalcou que é "impensable un retablo sen imaxes, cando ademais está historicamente acreditado que o mesmo é do século XVII ou principios do XVIII, colocado en tempos da condesa de Pardo Bazán".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade