Publicador de contidos

Publicador de contidos

O edificio Redeiras da UVigo, seleccionado na Bienal de Arquitectura de Venecia

O edificio Redeiras da UVigo, seleccionado na Bienal de Arquitectura de Venecia

A rehabilitación é obra do estudo de arquitectura Abalo Alonso, de Santiago

A Bienal celébrase entre o 10 de maio e o 23 de novembro

G24.gal 30/03/2025 21:14

Un edificio da Universidade de Vigo no barrio do Berbés foi seleccionado para participar na Bienal de Arquitectura de Venecia.

A rehabilitación é obra do estudo de arquitectura Abalo Alonso de Santiago. Trinta anos de profesión e unha manchea de recoñecementos e premios avalan a traxectoria desta parella de arquitectos establecidos en Compostela.

O edificio Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, é unha das 16 obras elixidas para representar España na Bienal de Arquitectura de Venecia. O proxecto permitiu rehabilitar tres antigas casas de mariñeiros nun único inmoble.

"Estar na Bienal de Venecia supón un recoñecemento moi importante e supón unha proxección internacional da obra, do noso estudo, tamén da Universidade de Vigo. Somos moitos os que nos sentimos beneficiados", admite a arquitecta Elizabeth Abalo.

"É unha obra que nos trouxo moitas alegrías nestes catro ou cinco anos. Desde que estaba en obra tivo visitas de compañeiros", recoñece o arquitecto Gonzalo Alonso.

Elixida entre preto de 200 propostas, será a única representante galega na exposición. Destaca polo seu compromiso co medio e o patrimonio.

"Creo que é traer a tradición á modernidade, e eses son valores que forman parte do noso traballo", di Elizabeth Abalo.

"É sostible porque estamos volvendo usar o noso patrimonio. Outra das razóns é o uso da madeira, que é probablemente o material máis sostible que temos. E aínda máis co uso das novas tecnoloxías que temos, que o fan máis económico. Eses son algúns dos argumentos deste éxito" asegura Gonzalo Alonso.

Este estudo traballa xa noutros dous proxectos singulares, a reforma da Facultade de Medicina e da de Historia da Universidade de Santiago.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade