Meteogalicia cede ao Arquivo de Galicia 370 mapas históricos realizados por Santiago Pemán
Os máis antigos datan de 1954 e a maioría deles son a grande escala e feitos a man

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, asinaron este venres un protocolo polo que Meteogalicia cede ao Arquivo de Galicia un total de 370 mapas históricos elaborados por Santiago Pemán.
Vázquez sinalou que os mapas, algúns con máis de 70 anos de historia, "forman parte xa do patrimonio cultural galego" e que o obxectivo da cesión é "preservalos para o seu goce e posta ao dispor do conjunto da cidadanía galega, tanto agora como no futuro".
A conselleira agradeceu a Santiago Pemán, "o home do tempo por excelencia" que doase a Meteogalicia estes mapas que pasaron a converterse en "auténticos tesouros".
Neste sentido, destacou que os mapas máis antigos datan de 1954, a maioría deles a grande escala e feitos a man, coas isóbaras debuxadas sobre eles, reflectindo "a delicadeza e a paixón" coas que traballaba o meteorólogo galego.
A ese primeiro lote de mapas elaborados a man -datados entre 1954 e 1985- engádese un segundo paquete con documentos realizados entre 1993 e 1998, máis modernos e nos que xa non se traballaba de forma manual.
A Consellería de Medio Ambiente decidiu doar ese legado, segundo Vázquez, para "velar pola súa preservación", coincidindo coa celebración o vindeiro domingo do Día Meteorolóxico Mundial.
Así mesmo, incidiu na importancia de poñer en valor o traballo que realizan os meteorólogos para elaborar prognósticos e analizar patróns climáticos, unha cuestión que considerou "crucial en momentos de constantes cambios derivados do cambio climático" como o actual.
O papel dos homes e as mulleres do tempo, dixo, ten unha gran transcendencia para actividades económicas como a agricultura, a pesca, o marisqueo ou o turismo e coñecer o comportamento do clima é fundamental na xestión de emerxencias e da seguridade pública ao ser unha ferramenta vital para alertar sobre fenómenos extremos.
Tamén resaltou o papel de Meteogalicia, "o ente ao que recorre todo o mundo e a páxina máis visitada de toda a Xunta, xa sexa para cultivar, para saír ao mar, para facer unha viaxe, gozar do tempo libre ou para facer un acto".
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, destacou que a cesión dos mapas supón que o Arquivo de Galicia poida contar con "un legado de valor patrimonial excepcional para todo o pobo galego".
López Campos incidiu na obriga da administración e de toda a sociedade de "protexer e salvagardar" este tipo de bens pola súa contribución "histórica e artística" e por tratarse dunha "importante fonte documental".
Ademais, recoñeceu o "relevante labor" de preservación do patrimonio documental que realizan os arquivos galegos e especialmente o Arquivo de Galicia, que recolle "a memoria bibliográfica do noso país".
"Grazas á súa tarefa de conservación, divulgación e posta en valor dos fondos, comprendemos mellor a nosa identidade e a nosa historia", afirmou.