Achaques e estado de ánimo, inflúen as condicións atmosféricas?
"É un factor a ter en conta, sobre todo en pacientes con dor crónica", comenta Alejandro Pombo, fisioterapeuta
Numerosas persoas atribúenlles ás condicións atmosféricas influencia no estado psíquico e físico. Son as consideradas persoas meteorosensibles.
"Se hai treboada, cefalea e á miña compañeira de traballo, igual"; "Eu noto moito os cambios de tempo"; "Eu penso que si afecta. Porque se vai bo tempo está a xente máis animada, pero se non, así...."; "Algunhas veces botámoslle a culpa a iso. Non sabemos de que é, pero dicimos iso de que vai cambiar o tempo, que me doe este xeonllo".
Case tan correntes como as queixas porque non vai o tempo que nos gusta son as que vencellan achaques de saúde e condicións atmosféricas. Para saber algo máis desa suposta influencia fomos preguntarlle ao fisioterapeuta sobre a meteorosensibilidade.
"É un factor a ter en conta, sobre todo en pacientes con dor crónica. O dano non inflúe tanto na dor senón noutros aspectos psicosociais. É un tema do que non hai moita evidencia científica, pero é certo que se fala de que dos déficits de vitamina D poden influír na dor e o estado de ánimo", di Alejandro Pombo Pombo, fisioterapeuta.
Unha gran maioría considera que o bo tempo é o que proporciona tamén maior impulso anímico, empezando polo que vai acompañado de maior luminosidade. "Bo tempo, que non chova. Nada máis", di unha viandante.
Alejandro Pombo lembra que no bo funcionamento do sistema músculo esquelético é secundario o factor atmosférico.
"Máis alá diso inflúen factores como estar activo, exercicio vigoroso, ou a forza, que van ter máis repecusión na dor que o clima", conclúe o fisioterapeuta.