Dous detidos en Carnota por roubar 277 nasas nos portos de Muros e Lira
As nasas roubadas vendíanas a un comprador de Fisterra
As nasas están valoradas nun 9.000 euros.
De momento aínda non apareceron 85 dos 277 aparellos roubados

A Garda Civil de Muros arrestou dous veciños de Carnota polo roubo de 277 nasas de pesca nos portos de Muros e Lira valoradas en 9.000 euros. Dos aparellos roubados os axentes puideron recuperar 192, pero seguen a buscar os 85 restantes, polo que a investigación segue aberta.
As investigacións comezaron tras as primeiras denuncias dos afectados nas dependencias oficiais da Garda Civil de Muros entre os meses de febreiro e marzo de 2025. Denunciaron a desaparición de 277 nasas, cun valor estimado de 9.000 euros.
No transcurso das indagacións, os axentes observaron dúas persoas manipulando nasas no porto de Lira, cargándoas posteriormente nunha furgoneta, abandonando a continuación o peirao, un modo de proceder que coincidía co utilizado noutros roubos.
Os gardas interceptaron o vehículo para identificar os seus ocupantes e a comprobar a carga, e verificaron que os aparellos transportados foran subtraídos.
Nese mesmo momento a Garda Civil detivo as dúas persoas ocupantes do vehículo como presuntas autoras dun delito continuado de roubo con forza, e incautouse das 23 nasas que transportaban. A operación continuou para tratar de localizar o resto de aparellos roubados.
No decurso da investigación, os axentes puideron descubrir que as nasas roubadas eran vendidas a un comprador de Fisterra e localizaron en varias casetas do porto desa localidade un total de 169 nasas das subtraídas, e procederon á súa preceptiva incautación.
A Garda Civil mantén a investigación aberta co obxectivo de localizar e recuperar as 85 nasas restantes.