Publicador de contidos

Publicador de contidos

A primavera arrinca con nevaradas na montaña

A primavera arrinca con nevaradas na montaña

A borrasca Martinho está deixando nevaradas na alta montaña de Lugo e Ourense

Está previsto que a cota baixe ata os 800 metros ao longo da tarde

 

G24.gal 22/03/2025 14:31

Mañá desapracible a que amenceu hoxe en Manzaneda. As nevaradas viñeron acompañadas de vento e néboa, que deixaron unha sensación térmica moi por baixo da temperatura real, que tampouco subiu dos cero graos en toda a mañá.

Así e todo, os visitantes están felices de estrearen a primavera con semellante nevarada. "Non contabamos con tanto. Contabamos que nevara hoxe pola noite, pero adiantouse e por nós perfecto". "Moita neve. Había tempo que non a vía e estase moi ben", comentan dúas visitantes, unha de Vigo e outra do Barco de Valdeorras.

Cotas altas

A neve callou en cotas altas, na montaña de Lugo e en Ourense, tanto no Macizo Central coma na zona oriental, o que obrigou a circular con precaución a primeiras horas da mañá entre a Canda e o Padornelo. Os equipos de seguridade viaria están mobilizados porque o aviso continúa ata mañá, e en cotas máis baixas.

"Están dicindo que a cota baixa ata 800 metros, así que teremos máis que traballar para abaixo", sinala Camilo Fernández Barja, operario de máquina quitaneves.

En Manzaneda levan traballando desde o amencer: "Viñemos ás sete e media da mañá e estamos para arriba e para abaixo, botando sal e facilitando as cousas para que os coches poidan subir", explica Camilo.

As pistas de esquí están pechadas, pero valoran se abrir algunha mañá se as condicións meteorolóxicas o permiten.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade