Publicador de contidos

Publicador de contidos

Milleiros de persoas protestan por terra e mar contra Altri na Pobra do Caramiñal

Milleiros de persoas protestan por terra e mar contra Altri na Pobra do Caramiñal

Pontón pídelle á Xunta que escoite "o clamor social" e Besteiro di que "non é un proxecto sostible"

A Xunta demanda claridade ao Goberno para saber se lle vai conceder os fondos europeos

A compañía portuguesa Altri reclama respecto para o seu proxecto e non propagar desinformación

G24.gal 22/03/2025 13:30 Última actualización 22/03/2025 16:35

A chuvia non impediu que miles de persoas se concentraran este sábado na Pobra do Caramiñal para amosar o seu rexeitamento, por terra e por mar, ao macroproxecto da compañía portuguesa Altri en Palas de Rei e á reapertura da mina de cobre de Touro.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, convocante da manifestación, sostén que ambos os dous proxectos comprometen a auga do río Ulla e da ría de Arousa por ser altamente contaminantes, ademais de poñer en perigo a viabilidade do sector agro-gandeiro a moi longo prazo.

A manifestación por terra transcorreu desde o porto da localidade ata a praia do Areal, mentres as embarcacións pesqueiras de distinto tamaño concentráronse na Enseada do Caramiñal.

A resposta social a ambos os dous proxectos prodúcese poucos días despois de que o Goberno galego do Partido Popular dera o visto e prace á declaración de impacto ambiental no caso da celulosa de Altri para situarse na comarca lucense da Ulloa.

Barcos participantes na protesta. EFE/Lavandeira Jr. Barcos participantes na protesta. EFE/Lavandeira Jr.

O presidente da plataforma convocante, Xaquín Rubido, afirmou que a resposta social de hoxe é unha chamada de atención ás autoridades europeas e ao Goberno presidido por Pedro Sánchez para que non facilite financiamento público á iniciativa empresarial da compañía portuguesa.

En declaracións á prensa, pediu as dimisións do conselleiro do Mar e das conselleiras de Medio Ambiente e de Industria do Goberno galego, presidido por Alfonso Rueda.

"Pensamos que a Xunta ten que cambiar de rumbo, e Rueda é o responsable", afirmou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, sumáronse á mobilización.

A líder da oposición pediu que se escoite á "inmensa marea de dignidade que está a dicir Altri non, Galicia si" e acusou de "traizón" o Goberno de Rueda, ao que pide que "rectifique, porque o PP, cando se trata de Galicia, só acerta cando rectifica".

"Hai unha pregunta que aínda non nos respondeu o señor Rueda. Altri é unha empresa portuguesa, se a macrocelulosa é tan estupenda por que non a queren en Portugal (...)  Rueda mira ao franquismo industrial. En 1963 Franco impuxo a golpe de baioneta Ence en Pontevedra e no 2025 o señor Rueda quere impoñernos a Altri na comarca da Ulloa contaminando a ría de Arousa".

Pola súa banda, o líder dos socialistas galegos, denunciou "a gran mentira do Partido Popular" ao referirse ao proxecto de Altri, "que non é sostible para Galicia e que non encaixa no noso modelo produtivo", salientou.

"Unha gran mentira desde o principio, cando se nos expuxo como unha factoría de fibras bioecolóxicas e onde ao final o que sabemos é que é unha gran macrocelulosa (...) O PP fixo de verdadeiro axente comercial deste proxecto e non velou polos intereses dos galegos e das galegas. Non é un proxecto sostible, non é un proxecto de futuro e, por tanto, o que queremos é denunciar a gran mentira de Altri e do PP".

Desde o Partido Popular de Galicia defenden a viabilidade do proxecto de Altri na provincia de Lugo porque, aseguran, supón investimento e creación de emprego.

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, insistiu este sábado en que a declaración de impacto ambiental vai acompañada de varios requisitos que a empresa debe cumprir para poder instalarse en Palas de Rei.

"Son 34 informes, 42 técnicos os que avalan os requisitos medioambientais desta industria. Son máis de 60 os requisitos que lle trasladan ao promotor para garantir ese cumprimento normativo en materia ambiental".

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acusou o BNG de mobilizar a cidadanía para protestar contra a celulosa de Altri e o PSdeG de comprar o discurso e colaborar.

"Creo que nada novo baixo o sol; é comunismo do século XXI", asegurou nun audio facilitado á prensa.

Coa "desinformación" que ela observa neste proceso, ao final o que se consegue, indicou, é que "os galegos sexan máis pobres", o mesmo que, segundo salienta, ocorreu con Alcoa.

"É a mesma historia, pero con outro nome. Cando pase Altri, será outra cuestión".

Ademais, reclámalle claridade ao Goberno sobre a concesión ou non dos fondos europeos para o proxecto.

Altri, a través da súa filial Greenfiber, pediu este sábado menos "loiadas" e "respecto" para o seu proxecto de producir en Palas "fibras téxtiles sostibles de celulosa", cun sistema de depuración de augas "líder na industria" co que din non afectar o río Ulla. 

Nun comunicado, a directora de Recursos Humanos e Relacións Institucionais, Olga Arias, pide "rigor" e defende a "transparencia" da proposta.

"Investiremos 80 millóns de euros no máis eficiente e innovador sistema de depuración de augas que hai na industria para asegurar que non se vai alterar o estado do río Ulla e, por tanto, que non vai afectar os bancos marisqueiros da ría de Arousa".

Insiste en que "segue a machada as directrices da Unión Europea" e subliña que o proxecto foi "desde sempre" o mesmo.

Participantes na protesta baixo os paraugas. EFE/Lavandeira Jr. Participantes na protesta baixo os paraugas. EFE/Lavandeira Jr.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade