Hereu di que o aval ambiental da Xunta a Altri é independente do proceso de concesión das axudas
O ministro de Industria afirma que a declaración de impacto ambiental é moi condicionada e insiste en que o proxecto será analizado desde o rigor técnico
Rego advirte que Altri é unha liña vermella e dille ao PSOE que nesta cuestión non valen ambigüidades
A Xunta dubida que Hereu tivese a “mesma ambigüidade” con Altri en Cataluña ou no País Vasco

O proxecto de Altri chega ao pleno do Congreso. En resposta a unha pregunta formulada polo BNG, o ministro de Industria desvinculaba este mércores a concesión das axudas á declaración de impacto ambiental aprobada pola Xunta a semana pasada.
Jordi Hereu afirma que o Goberno analiza este proxecto como calquera outro, seguindo criterios de tipo técnico e ambiental.
Na sesión de control, o deputado do BNG Néstor Rego pediulle ao Goberno que non conceda os 250 millóns de euros de axudas europeas que solicitou a multinacional para poder instalar a planta en Palas de Rei, uns fondos que forman parte do PERTE de descarbonización.
Insistiu Rego en que o proxecto de Altri é unha bomba ambiental no corazón de Galicia que conta co rexeitamento maioritario da sociedade galega.
Rego advirte que Altri é unha liña vermella
Na sesión de control ao Goberno deste mércores, o deputado do BNG, Néstor Rego, asegurou que ante este proxecto non valen ambigüidades.
Sostén que a sociedade galega quere posicións claras para evitar o franquismo industrial de Galicia e advirte que para o BNG é unha liña vermella que afectaría a relacións futuras co seu Goberno.
Ao seu xuízo, a sociedade galega nunca perdoaría ao PSOE que o seu Goberno traizoe os intereses de Galicia.
Hereu di que a DIA é moi condicionada e independente do proceso de concesión de axudas
O ministro de Industria, Jordi Hereu, asegura que o Goberno analiza este proxecto con rigor, como calquera outro, baseándose en criterios de tipo técnico e ambiental.
Matiza que a declaración de impacto ambiental (DIA) aprobada pola Xunta a semana pasada é moi condicionada e desvincula a concesión das axudas deste aval ambiental.
Esta declaración é independente do proceso de concesión de axudas, asegura. "Trátase dunha declaración moi condicionada", afirma, "o proxecto móvese nun medio con altos valores e recursos naturais, fluviais e paisaxísticos, e iso ímolo ter en conta".
O ministro de Industria lembra que Altri presentouse hai tempo ao concurso para o PERTE de descarbonización, aínda que o fixo como un proxecto de produción de fibras téxtiles sostibles.
Segundo explicou, a medida que se foron concretando os detalles, "constatáronse diferenzas importantes respecto ao que se presentou inicialmente, empezando porque a maior parte de produción que se prevé é de celulosa".
Lorenzana dubida que Hereu tivese a “mesma ambigüidade” con Altri en Cataluña ou País Vasco
A conselleira de Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, cuestionábase se o ministro de Industria “tería a mesma ambigüidade en relación cun proxecto vasco ou catalán”. Afirmou, admeais, que lle “chama a atención que o BNG vaia en contra dun proxecto galego e lle solicite ao ministro que non se lle conceda financiamento”.
“Recoñezo que eu xa non sigo ao ministro, do mesmo xeito que non sigo a Besteiro, a Lara Méndez ou a Tomé. Pola mañá o Partido Socialista apoia a industria, ao mediodía non sabe que facer e pola tarde-noite estao pensando. Agora din que o proxecto cambiou. Sería bo que dixesen en que cambiou. Sabe dabondo, intimamente o ministro sábeo, que non cambiou”, engadiu a titular de Industria.
Ao seu xuízo, “foi unha resposta cómoda, ao verse absolutamente sometido ás preguntas do BNG”, porque “a realidade é que o Partido Socialista ten unha debilidade enorme en Galicia e no Goberno central”.
Desde o seu punto de vista, “Hereu ten medo de Yolanda Díaz, ten medo de Sumar e doutros moitos partidos. Do mesmo xeito que Besteiro ten medo de Ana Pontón. As respostas que dan calquera dos representantes do Partido Socialista están absolutamente condicionadas, neste caso para manterse no poder”.
Ánxeles Vázquez: "Está en mans do Goberno e da propia Altri decidir se o proxecto vai adiante"
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, sinalou que agora xa non existen escusas de ningún tipo, unha vez aprobada a declaración de impacto ambiental (DIA).
"Agora toca ir dando o seguinte paso, que é a autorización ambiental integrada", explica. "Está en mans do Goberno central e da propia industria. Eles dous son os que teñen que decidir, en función tamén de se teñen ou non financiamento", destacou a preguntas dos xornalistas durante un acto.
Vázquez resaltou que, coñecidas as esixencias que pon enriba da mesa a DIA, a empresa terá que decidir se lle é rendible ou non instalarse en Galicia.
Ela entende que si, porque leva moito tempo traballando, polo que xa non existen escusas.
A conselleira ve lexitimado o BNG para dicir que é ideolóxico o seu rexeitamento a Altri, pero en ningún caso está lexitimado para dicir que non cumpre desde o punto de vista ambiental.
O BNG chama á mobilización para frear Altri e "o seu impacto letal" en Galicia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou á mobilización masiva na manifestación convocada o vindeiro sábado na Pobra contra a instalación da planta de celulosa de Altri para frear “o seu impacto letal” sobre o territorio e o medioambiente.
Pontón pediu á cidadanía que se implique na mobilización do día 22 xa que "coa excepción" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do seu Goberno, "non hai nin unha soa persoa en Galicia que non considere que a macrocelulosa de Altri vai ter un impacto letal sobre a ría de Arousa e sobre a biodiversidade”.
A pesar da declaración de impacto ambiental favorable da Xunta, Pontón insistiu en que o proxecto de Altri é prexudicial para a comunidade xa que a instalación dunha fábrica “no corazón de Galicia, o único que vai deixar é problemas desde o punto de vista ambiental”.
Ademais, tampouco será beneficioso desde o punto de vista económico xa que a posta en marcha da macrocelulosa “destruirá dez veces máis emprego que o que promete crear”, afirmou.
Besteiro ve “contradicións” na Xunta respecto a Altri e incide en que non haberá fondos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, alertou este mércores sobre as “contradicións” da Xunta respecto a Altri ao dicir que a compañía non vai recibir ningún tipo de "financiamento específico" por parte da Xunta, mentres que mostrou a súa “convicción” de que a fábrica non recibirá axudas do Goberno central.
Besteiro considerou que este proxecto “non é interesante” para Galicia, polo que non debería recibir axudas extraordinarias xa que “non encaixa nin desde o punto de vista ambiental nin económico, e tampouco como proxecto estratéxico para Galicia".
En todo caso, o portavoz do PSdeG asegurou que a tramitación das axudas non é discrecional senón que se somete a uns procesos e avaliacións técnicas. Tamén puxo o foco na postura da Xunta, que despois de actuar como “axente comercial” da multinacional, agora “Alfonso Rueda di que non vai haber axudas; igual é que o proxecto non era tan estratéxico”.