O Congreso aproba tramitar a iniciativa de Junts para axilizar desaloxos en casos de ocupación
A norma saíu adiante co apoio do PSOE e do PP, e votaron en contra Sumar e os socios habituais do Goberno
Unha proposición de Junts busca o desaloxo inmediato, de 24 a 48 horas, en casos de ocupación de morada habitual ou usurpación. Din que é un problema que preocupa á cidadanía e que requiría dunha solución política.
O PSOE aceptou tramitar a iniciativa recoñecendo que o marco xurídico actual pode mellorar, aínda que anuncia emendas. E di que os datos non son tan alarmantes como pretenden transmitir a dereita e a ultradereita.
No PP tamén apoiaron a iniciativa. E dixeron que España xa tería mellor lexislación se a súa lei antiocupación non estivese bloqueada na mesa do Congreso.
Tamén votaron a favor da proposición Vox, PNV e Coalición Canaria. E rexeitárona todos os partidos á esquerda do PSOE: Sumar, Podemos, Esquerra, Bildu e o BNG. Cren que se está sobredimensionando o problema.
Os socios de Goberno, PSOE e Sumar, volveron votar diferente, e a iniciativa saíu adiante con 300 votos a favor e 44 en contra.