O alcalde de Lugo aposta pola continuidade nun novo Goberno local "con pequenos axustes"
Jorge Bustos engade Urbanismo ás súas competencias en materia de mocidade e deportes, mentres o novo concelleiro, Waldir Sinisterra, ocuparase de movementos migratorios

O alcalde de Lugo, o socialista Miguel Fernández, asinou o novo decreto de organización do Goberno da cidade para os próximos dous anos sen moitas sorpresas, xa que dá continuidade á repartición que fixera no seu día Paula Alvarellos.
Pero introduce un par de axustes necesarios pola incorporación de Waldir Sinisterra.
O organigrama municipal quedará dividido en cinco grandes áreas: Alcaldía e Transición Ecolóxica; Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo e Deportes e Mocidade; Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais; Cohesión Social; así como Área de Cohesión Territorial.
Segundo esta repartición, o propio Miguel Fernández manterá, por tanto, unha xestión directa sobre Transición Ecolóxica, competencias que xa tiña e que seguiu mantendo no goberno provisional.
Deste xeito, o alcalde dirixirá a organización dos servizos administrativos e a representación institucional, especialmente de carácter protocolario.
Corresponderán igualmente á área de Alcaldía os órganos directivos da Secretaría de Pleno, o órgano de apoio á Xunta de Goberno Local, a Asesoría Xurídica, a Intervención Xeral ou a Sección de Administración Municipal, entre outros. Ademais do control sobre os servizos municipais de emerxencias como Protección Civil, Bombeiros e Polícia Local.
Dentro da área de Transición Ecolóxica inclúe a coordinación executiva e supervisión directa dos proxectos estratéxicos de transformación da cidade, así como a Axenda 2030 para un desenvolvemento sostible.
O alcalde suma a coordinación dos asuntos e actividades relacionados coa protección do medio ambiente e cambio climático, a xestión enerxética eficiente, a xestión integral de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria, o ciclo da auga ou os parques e xardíns e zona verdes da cidade.
"Traballarei, como viña facendo ata o de agora, por alcanzar un Lugo máis sostible con capacidade para facer fronte aos desafíos ambientais e que potencie o noso incrible patrimonio natural e paisaxístico", destacou Fernández.
Fusión de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Mocidade.
Pablo Permuy volverá estar á fronte desta área. Dentro dela créase unha nova concellería de carácter específico de Urbanismo, Deportes e Mocidade que dirixirá Jorge Bustos, que cobra protagonismo na nova orde local.
O concelleiro pasa agora a xestionar tamén Urbanismo.
Mentres, dáse continuidade á área de Cohesión Social con Olga López Racamonde, que se ocupará da prestación dos servizos sociais, de promoción e reinserción social así como da xestión das instalacións e equipamentos de carácter social.
Esta área acollerá dúas concellerías máis específicas. Por unha banda, Ángeles Novo dirixirá a sección de Muller, Igualdade e Inclusión mentres que o recentemente incorporado Waldir Sinisterra ocuparase de Movementos Migratorios.
Mauricio Repetto manterá a súa función á fronte da área de Dinamización Económica e Relacións Institucións, centrada no fomento e promoción da actividade económica, o comercio e o emprego. Será o encargado tamén do seguimento e xestión común da estratexia dos fondos europeos asignados pola Alcaldía e de establecer relacións de colaboración con entidades de carácter municipal e supramunicipal.
Finalmente, Ana González Abelleira continuará á fronte da xestión transversal encargada da conservación, limpeza e obras comúns en vías públicas e infraestruturas do ámbito rural, a dinamización e promoción sociocultural dos centros situados na zona rural e todas aquelas funcións encamiñadas á satisfacción das necesidades das parroquias.