O PSOE de Santiago non bloqueará os orzamentos, pero os edís lamentan o "teatriño" da dirección
Nos últimos días o partido deixara no aire a posibilidade de deixar caer as contas
Finalmente só o PP votará en contra dos orzamentos, polo que poderán saír adiante

O PSOE compostelán, cos votos dos seus concelleiros afíns, facilitará a aprobación das contas municipais do concello de Santiago para 2025 e os edís díscolos, que foron expulsados da formación lamentan o “teatriño” montado pola dirección ao respecto.
A dirección do PSOE de Santiago, encabezada por Aitor Bouza, reúnese esta tarde para decidir se optarán por votar a favor das contas ou por un voto de abstención, aínda que calquera das dúas opcións servirá á alcaldesa, Goretti Sanmartín, para sacar as contas adiante.
Deste xeito, previsiblemente, só o PP votará contra os orzamentos, que ascenden a 146 millóns de euros.
Tras coñecer que a dirección confirmou esta decisión ao goberno local, os catro concelleiros expulsados lamentaron o “teatriño” da dirección do PSOE durante os últimos días nos que deixou no aire a posibilidade de deixar caer as contas municipais.
“Cabe preguntarse en que mellorou a calidade de vida dos veciños o teatriño que realizaron, a conta dos orzamentos, a dirección local do PSdeG de Aitor Bouza e Marta Santullano coa complicidade de Gumersindo Guinarte e Marta Abal”, cuestionan os concelleiros desde a conta institucional do grupo municipal.
Deste xeito, reprochan á dirección do PSOE e aos dous edís cos que aínda compartirán bancada no pleno do xoves que actuasen deste xeito coa única intención de “chamar a atención e simular un exercicio de poder”.
Denunciaron que buscasen esta “escenificación” á conta dunha cuestión tan importante como os orzamentos municipais.
Ademais, os edís críticos poñen sobre a mesa que a dirección do PSOE, na súa reunión co goberno, puxo un “único asunto” como esixencia e piden que aclaren por que “entón a xente verá que isto, unha vez máis, non vai de mellorar a vida dos veciños”.