O Goberno de Santiago descarta que a saída dos edís socialistas sexa efectiva no pleno de marzo
Descartou ademais que se vaia a celebrar un pleno extraordinario para o procedemento

A portavoz do Goberno municipal de Santiago, Míriam Louzao, descartou que a saída do grupo socialista dos edís expulsados Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez, vaiase a facer efectiva no próximo pleno de marzo.
Así o confirmou Louzao tras a rolda de prensa ofrecida para dar conta dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno local.
Segundo explicou, unha vez recibida no Concello a comunicación oficial por parte do partido, o secretario daralle trámite de audiencia, que ten un prazo mínimo de 10 días hábiles.
"Por tanto, a este pleno de marzo, é imposible que chegue", asegurou.
Descartou ademais que se vaia a celebrar un pleno extraordinario para o procedemento. Aínda que no momento da rolda de prensa si que aínda non se notificou a resolución do partido socialista, horas despois fontes municipais confirmaron que xa se rexistrou.
Con todo, os prazos mantéñense. Así mesmo, defendeu o traballo do goberno municipal fronte ás críticas vertidas esta fin de semana por parte do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, que aseguraba que o Executivo compostelán avanzaba "ao ralentí".
"Estamos a traballar con normalidade, adxudicando contratos, facendo obras e poñendo cuestións en marcha", insistiu.
Precisamente as accións aprobadas na Xunta de Goberno, dixo Louzao, "desmenten" o afirmado polo líder socialista.
"Entendemos que o señor Besteiro ten que facer declaracións neste sentido e respectámolo. O partido socialista está na oposición, ten que facer declaracións nese sentido, e nós estamos no goberno, temos que seguir traballando por esta cidade", concluíu.