Zelenski acepta a tregua enerxética con Rusia tras falar con Trump
Os dous bandos denuncian que non se está respetando o alto o fogo parcial
Trump desvela que Putin non condicionou a paz á fin de axuda estranxeira a Ucraína
"Unha chamada moi boa". Así resumía Donald Trump o contido da conversa telefónica con Volodimir Zelenski, un ton ben distinto do escenificado hai tres semanas na Casa Branca. Segundo o presidente estadounidense, esa hora de entrevista serviu para aliñar os intereses de Rusia e Ucraína "cara a unha paz para a que imos polo bo camiño".
Un bo camiño que tivo como mellor resumo a imaxe da volta á casa dos 350 prisioneiros de guerra liberados polos dous bandos. Pero a tregua parcial aceptada por Vladimir Putin semella fráxil.
Zelenski denunciou que esta madrugada Rusia atacou instalacións enerxéticas da rede ferroviaria ucraína, xusto o tipo de infraestruturas sobre as que rexe o alto o fogo. Pola súa banda, Moscova difundiu imaxes dun depósito de petróleo ardendo, supostamente por ataques de drons ucraínos.
Os seguintes pasos tampouco están claros. Para dálos, Putin reclama a fin da axuda estranxeira a Ucraína, pero o presidente estadounidense desvelou que non se falou en absoluto desa axuda na conversa co líder ruso.
O outro obstáculo será a cesión de territorio ucraíno. Volodimir Zelenski reiterou que "para nos é unha liña vermella o recoñecemento como ruso do territorio ocupado. Non o aceptaremos".
O seguinte paso das conversas terá presumiblemente como escenario Arabia Saudita, e como obxectivo, a tregua no mar Negro. Tanto Rusia como Ucraína xa preparan as súas delegacións aínda que, polo momento, para conversar cos Estados Unidos por separado.