Publicador de contidos

Publicador de contidos

Principio de acordo entre o PP e Por Viveiro para facerse co goberno da vila

Principio de acordo entre o PP e Por Viveiro para facerse co goberno da vila

As dúas forzas celebrarán a semana que vén unha nova reunión para asinar formalmente a alianza

G24.gal 13/02/2025 11:26

O Partido Popular de Viveiro, que dirixe Mariña Gueimonde, e Por Viveiro, con Bernardo Fraga á cabeza, achegaron posturas nunha reunión mantida na noite do mércores co obxectivo de selar unha alianza das dúas forzas para facerse co goberno da localidade.

Nesta primeira reunión, "moi intensa e frutífera", en palabras de Mariña Gueimonde, ambos os partidos puxeron sobre a mesa as necesidades de Viveiro e fixeron unha priorización das mesmas. "Porque temos dous anos de prazo, un tempo limitado para actuar, e tiñamos que falar de decisións programáticas", explicou Gueimonde.

PP:  "Falamos de como priorizar e como buscar financiamento coas diferentes administracións"

Os populares sinalan como prioritarios a variante, o PXOM ou recuperar o mobiliario das distintas áreas como deportes e cultura. "Falamos de como priorizar e como buscar financiamento coas diferentes administracións, porque sen a axuda de todas elas, nós non seremos capaces de facelo", engadiu.

Tras este primeiro achegamento, no que crearon "unha folla de ruta flexible" están emprazados a unha definitiva reunión o vindeiro mércores, onde presentarán un documento de compromiso entre ambas as formacións, no que hai achegas de ambos.

"Puxemos en común a nosa visión do Concello, dos seus servizos e por onde tiñamos que atallar uns ou rectificar outros. Inflúen todas as administracións, tanto ministerios, como Deputación e Xunta. Así, creamos esta folla de ruta da que imos tentar executar a maior parte posible", indicou.

Por Viveiro: "Respectáronse as propostas que fixemos para levar adiante o cambio"

Para Por Viveiro, esta reunión foi tamén produtiva "xa que se fixo un avance significativo nos acordos do programa", que foi no que se centraron "para chegar a un acordo", explicou o concelleiro independente Manolo Galdo.

"O acordo foi nunha porcentaxe moi elevada e respectáronse as propostas que fixemos para levar adiante o cambio", indicou, sen chegar a matizar cales.

Galdo incidiu tamén que esta primeira reunión foi exclusivamente para falar de programa e na próxima xa se debaterán outros temas do acordo entre ambas as formacións, como a composición do futuro Goberno.

A unión dos sete concelleiros populares e os dous de Por Viveiro sumarán unha maioría absoluta que supera o actual Goberno, formado por cinco concelleiros do PSOE e tres de BNG, que en coalición preside a socialista María Loureiro.

Por Viveiro apoiou, ao acabar as últimas eleccións, a coalición de esquerdas, pero hai uns días anunciou a ruptura co equipo de goberno, sobre o que dixo que "estaba desgastado, sen liderado, nin peso político". Alegou Bernardo Fraga naquel momento que non se cumpriron as demandas que asinaron para apoiar a investidura de Loureiro.

Se dentro dunha semana acadan un acordo, ambas as formacións presentarán unha moción de censura, que derivará na convocatoria dun pleno extraordinario nun prazo máximo de dez días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade