Trump anuncia un acordo con Putin para negociar "de inmediato" a fin da guerra en Ucraína
"Fagámolo”, afirmou o presidente ucraíno nas súas redes sociais despois de falar co seu homólogo estadounidense
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou este mércores que chegou a un acordo co seu homólogo ruso, Vladímir Putin, para iniciar "negociacións de inmediato" co obxectivo de poñer fin á guerra en Ucraína.
O acordo con Putin logrouse tras unha "longa e moi produtiva chamada telefónica", na que os dous líderes expresaron a súa vontade de "deter os millóns de mortes que están a ter lugar na guerra entre Rusia e Ucraína".
O presidente dos Estados Unidos falou despois co seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski, e abordaron os próximos pasos conxuntos para deter a guerra e lograr “unha paz duradeira e sólida”.
“Como dixo o presidente Trump, fagámolo”, afirmou Zelenski nas súas redes sociais ao informar do contido da conversa.
Trump detallou que Estados Unidos e Rusia "iniciarán negociacións de inmediato" e que a delegación estadounidense estará encabezada polo secretario de Estado, Marco Rubio; o director da CIA, John Ratcliffe; o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Michael Waltz, e o enviado especial, Steve Witkoff.
"Millóns de persoas morreron nunha guerra que non ocorrería se fose presidente, pero sucedeu, así que debe terminar. Non deberían perderse máis vidas", afirmou Trump, quen dixo estar convencido de que estas negociacións "serán exitosas".
O mandatario explicou que, durante a súa conversación con Putin sobre a guerra en Ucraína, o presidente ruso utilizou a expresión "sentido común", que Trump tamén empregou para xustificar algunhas das súas decisións desde o seu regreso ao poder o 20 de xaneiro.
Os dous líderes tamén acordaron realizar visitas oficiais aos seus respectivos países, segundo Trump.
O presidente estadounidense aproveitou para agradecer a Putin "o seu tempo e esforzo" na chamada, así como a recente liberación de Marc Fogel, un profesor estadounidense detido en Rusia desde agosto de 2021, a quen Trump recibiu onte á noite na Casa Branca.
Ademais, os dous líderes abordaron outros asuntos como a situación en Oriente Medio, política enerxética, a intelixencia artificial, o "poder" do dólar e outros temas de interese bilateral, detallou Trump.
Tamén reflexionaron sobre "a gran historia" das dúas nacións e o feito de que ambos países loitaron xuntos "con grande éxito" na Segunda Guerra Mundial, na que a Unión Soviética perdeu "decenas de millóns de persoas" e Estados Unidos sufriu "numerosas" baixas.
"Cada un falou sobre a fortaleza das nosas nacións e os grandes beneficios que algún día obteremos ao traballar xuntos", explicou Trump.
Ambos os líderes reuníronse en persoa polo menos en cinco ocasións durante o primeiro mandato do estadounidense (2017-2021), nalgúns casos á marxe de cumios internacionais como o G20, pero tamén en encontros formais, como o cumio de Helsinqui en 2018, destinado a tratar expresamente a relación entre as dúas potencias.