A UE di que responderá aos aranceis de Trump con medidas firmes e proporcionais
A presidenta da Comisión Europea di que "os aranceis son impostos: malos para as empresas, peores para os consumidores"
Donald Trump avanza que "non haberá excepcións nin exencións", que as taxas para a importación de aceiro e aluminio, que entrarán en vigor o 12 de marzo, serán "para todos os países"
Os aranceis de Trump no aceiro e o aluminio afectarán a máis de 80 empresas galegas
![(Reuters/Priyanshu Singh)](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250211/aranceis-aceiro-aluminio-Reuters-Priyanshu-Singh-110225.jpg)
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou este martes que a UE responderá con "contramedidas firmes e proporcionais" aos aranceis do 25 % que o luns impuxo o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, a todas as importacións de aceiro e aluminio.
"Lamento profundamente a decisión dos Estados Unidos de impoñer aranceis ás exportacións europeas de aceiro e aluminio. Os aranceis son impostos: malos para as empresas, peores para os consumidores", escribiu Von der Leyen nunha declaración que tamén divulgou nas súas redes sociais.
![Von der Leyen este martes nun acto en París (Reuters/Benoit Tessier)](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250211/von-der-leyen-comision-europea-Reuters-Benoit-Tessier-110225.jpg)
Por iso, dixo a presidenta da Comisión, "os aranceis inxustificados aplicados á UE non quedarán sen resposta: desencadearán contramedidas firmes e proporcionadas. A UE actuará para salvagardar os seus intereses económicos. Protexeremos os nosos traballadores, empresas e consumidores".
Ao mesmo tempo, nun discurso ante o Parlamento Europeo en Estrasburgo, o comisario europeo de Comercio, Maros Secofic, dixo que Bruxelas "está a analizar actualmente o alcance das medidas" anunciadas por Trump, antes de anunciar a contraofensiva.
"Esta é a forma de protexer o interese de Europa, pero non é o noso escenario preferido. Seguimos comprometidos co diálogo construtivo, estamos listos para as negociacións e atopar solucións mutuamente beneficiosas alá onde sexa posible", afirmou Sefcovic.
"Non haberá excepcións nin exencións. Será para todos os países", di Trump.
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou este luns á noite que non haberá excepcións e que os aranceis serán "para todos os países". Así o dixo tras asinar no Despacho Oval dúas ordes executivas para impoñer gravames arancelarios do 25 % ás importacións de aluminio e aceiro.
"Isto é importante, imos facer os Estados Unidos ricos de novo", indicou o gobernante despois de facer efectiva a orde de aumento arancelario, que afectará, entre outros, a México, o Canadá ou o Brasil.
![Donald Trump tras a sinatura da orde de imposición dos aranceis (Reuters/Kevin Lamarque)](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250211/Donald-trump-aluminio-aceiro-aranceis-Reuter-Kevin-Lamarque-110225.jpg)
A Casa Branca asegurou que os aranceis serán aplicados a nivel global e que non haberá excepcións a ningún país en importacións de aceiro e aluminio. "Non haberá excepcións nin exencións. E será para todos os países", indicou Trump, quen revelou que nas próximas catro semanas terá reunións para analizar novos aranceis, e puxo como exemplo vehículos, semicondutores ou produtos farmacéuticos.
A orde executiva, publicada pola Casa Branca, sinala que as importacións de aceiro e aluminio "ameazan con menoscabar a seguridade nacional", e que os acordos vixentes ata o de agora conclúen o 12 de marzo de 2025, data a partir da cal os produtos sinalados serán obxecto dos novos aranceis.
O Canadá é a principal orixe do aceiro importado polos EUA, seguido de México, Corea do Sur, o Brasil e Vietnam, segundo datos do Instituto Americano do Ferro e o Aceiro. En canto ao aluminio, os Estados Unidos obtén case dous terzos de subministración do Canadá, de acordo coa Asociación do Aluminio.
Durante o seu primeiro mandato, en 2018, Trump impuxo aranceis do 25 % ás importacións de aceiro e do 10 % ás de aluminio, aínda que logo concedeu exencións a países como Australia, Brasil, Canadá e México.
O presidente estadounidense reiterou este luns que ten intención de anunciar nos próximos días "aranceis recíprocos" para equiparar os gravames que outros países aplican ás exportacións estadounidenses.
"Non queremos ferir a outros países, pero aproveitáronse durante anos de nós e impóñennos aranceis. A maioría cóbrannos e nós non o fixemos. É a hora de ser recíprocos", engadiu Trump desde o Despacho Oval.
Non especificou que países se verán afectados por eses aranceis recíprocos, aínda que o presidente criticou en reiteradas ocasións o 10 % que a Unión Europea impón aos automóbiles importados, moi por encima do 2,5 % que aplican os Estados Unidos.