Trump impón aranceis do 25 % á importación de aceiro e aluminio
Esta semana anunciará aranceis recíprocos aos países que graven produtos dos EUA: "É moi sinxelo. Se nos cobran, cobrámoslles"
Bruxelas dille a Trump que non hai "xustificación" para impoñer aranceis ao aceiro e aluminio da UE
Francia esixe represalias inmediatas de Europa
![O presidente dos EUA Donald Trump, á súa chegada a Florida este mércores a bordo do Air Force One (REUTERS/Kevin Lamarque)](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250210/2025-02-07T231244Z_1914610065_RC2YPCAPNXJA_RTRMADP_3_USA-TRUMP.png)
O presidente estadounidense Donald Trump instaurará aranceis do 25 % sobre o aceiro e o aluminio que importe os Estados Unidos a partir deste luns, segundo anunciou o propio mandatario estadounidense este domingo.
Estas tarifas aplicaranse "a todos": "Calquera aceiro que veña aos Estados Unidos vai ter que ter un 25 % de arancel. Tamén o aluminio. 25 % para os dous", indicou en declaracións á prensa estadounidense desde o Air Force One.
O mandatario explica que elevará aínda máis os aranceis en resposta ás medidas de represalia adoptadas por outros países, aínda que emprazou ao martes ou ao mércores para concretar esta decisión.
"É moi sinxelo. Se nos cobran, cobrámoslles", argüíu. Estes aranceis impoñeranse "case de inmediato", e o seu impacto será "en todos os países".
A Comisión Europea advirte: "Responderemos para protexer os intereses dos negocios, traballadores e consumidores europeos de calquera medida inxustificada"
A Comisión Europea indicou este luns que non hai "xustificación" para impoñer aranceis ás exportacións de aceiro e aluminio da Unión Europea.
Desde a capital comunitaria matizan que non recibiron aínda "ningunha notificación oficial", pero advirten: "Responderemos para protexer os intereses dos negocios, traballadores e consumidores europeos de calquera medida inxustificada".
A Comisión Europea, que fala no nome dos 27 en materia comercial, argumenta que os aranceis "son esencialmente impostos" e que, de impoñer estes gravames, a nova Administración Trump "estaría a gravar aos seus propios cidadáns, elevando os custos para as empresas e alimentando a inflación".
París esixe represalias inmediatas de Europa: "Non hai que ter a mínima dúbida cando se danan os nosos intereses"
Francia esixe que a Comisión Europea impoña aranceis a produtos estadounidenses de forma inmediata, en represalia aos anunciados polo presidente Donald Trump ao aceiro e ao aluminio, indicou este luns o ministro galo de Exteriores Jean-Noël Barrot.
"Trump xa impuxo eses aranceis en 2018 e entón replicamos. Agora replicaremos de novo", indicou o xefe da diplomacia francesa á cadea TF1.
![Arquivo / dpa / Marwan Naamani](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250210/EuropaPress_6249410_30_september_2024_lebanon_beirut_french_foreign_minister_jean_noel_barrot.jpg)
Barrot agregou que corresponderá á Comisión Europea decidir a que produtos impón eses aranceis e negou querer iniciar unha guerra comercial. "Bruxelas díxonos que estaba lista (para replicar) cando chegase o momento, e o momento chegou", sinalou o ministro. "Non hai que ter a mínima dúbida cando se danan os nosos intereses".
Os Estados Unidos son o destino dun cuarto das exportacións europeas de aceiro, unha industria sometida a unha gran competencia internacional e á caída da demanda do sector automobilístico.
Trump adiantou que podería gravar a importación de chips semicondutores, produtos farmacéuticos, petróleo e gas, e o venres advertiu de que habería aranceis recíprocos a partir da seguinte semana.
Trump xa anunciou o pasado 1 de febreiro aranceis do 10 % sobre os produtos da China e tamén aranceis do 25 % para Canadá e México, aínda que nestes dous casos suspendeu a súa aplicación durante un mes tras alcanzar senllos acordos para a despregadura de forzas de seguridade na fronteira.