O papa interrompe a lectura da homilía por "dificultades para respirar"
Francisco, que participaba no xubileu das Forzas Armadas, arrastra desde hai días unha bronquite que o obrigou xa a trasladar as audiencias desta semana á súa residencia da Casa Santa Marta
"Agora me desculpo", dixo o pontífice que lle pediu ao mestre das cerimonias litúrxicas, o arcebispo Diego Ravelli, que continuase coa lectura ante os asistentes e militares que o aplaudiron
O papa Francisco viuse obrigado a interromper a súa homilía este domingo por "dificultades para respirar".
O pontífice participaba no xubileu militar e pediulle a un arcebispo que lle tomase a remuda. "Agora me desculpo", dixo Francisco, unhas palabras recibidas con aplausos polos asistentes e membros das Forzas Armadas de distintos países.
Arrastra desde hai días unha bronquite activa que xa o obrigou a trasladar as audiencias desta semana á súa residencia. Con voz tomada e algo de tose, puido ler cun notable esforzo a primeira parte da homilía, pero tivo que continuar o mestre das celebracións litúrxicas, Diego Ravelli.
A misa reuniu este domingo na praza de San Pedro uns 30.000 soldados e policías de diversos países, a maioría italianos pero tamén unha delegación do Exército e a Garda Civil de España, chegados a Roma polo xubileu das Forzas Armadas.
Este xubileu é o segundo grande acto dedicado a un sector determinado do actual Ano Santo, o período en que os peregrinos chegados a Roma obteñen a indulxencia, despois do celebrado con comunicadores de todo o mundo o mes pasado.