Feijóo anuncia que os alcaldes do PP aplicarán un "protocolo antiokupación"
O líder do PP prometeu tamén bonificacións do IBI na vivenda habitual e nos alugueiros destinados á mocidade
Núñez Feijóo anunciou como novas medidas estrela, que desenvolven a lei do solo do PP, ese protocolo antiocupación e as bonificacións do IBI, aplicables exclusivamente nas urbes gobernadas polo Partido Popular, onde ten competencias na materia.
Este anuncio facíao no contexto do Foro das Grandes Cidades en Zaragoza. Feijóo e os alcaldes do PP asinaron un acordo para facilitar o acceso á vivenda. Propoñen crear máis solo público finalista, menos trabas burocráticas para iniciar unha obra, baixar o IBI, reactivar plans urbanísticos bloqueados e poñer á disposición vivendas rehabilitadas da SAREB.
O líder do PP considera que os concellos e comunidades autónomas gobernadas polo PP son a alternativa eficaz ás políticas erradas do goberno en materia de vivenda. Os alcaldes presentes en Zaragoza comprometéronse tamén a aplicar un protocolo antiocupación:
"Comprometéronse a crear un protocolo antiocupación nos seus concellos para apoiar os afectados, aos que lle ocupen a vivenda, e hoxe aquí volvemos reivindicar que a lei de desaloxo decontado de ocupas sexa debatida. Non nos deixa nin sequera discutila, non nos deixa votar. Sabedes por que? Porque hai máis partidos a favor de aprobar a lei contra a ocupación ilegal ca os votos que ten o Goberno para impedila".