O presidente do Goberno descarta un adianto das eleccións xerais
Os líderes do PSOE e do PP reuníronse esta mañá no Congreso cos seus grupos parlamentarios
Este mércores haberá no Congreso a primeira sesión de control ao Goberno de 2025. Con toda probabilidade, Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo volverán protagonizar un cara a cara de alto voltaxe coma os do ano pasado. Así o adiantaron nas reunións que mantiveron cos seus grupos parlamentarios.
"Canto máis berran, é que imos polo camiño e hai que perseverar", dixo Pedro Sánchez, mentres Alberto Núñez Feijóo insistía en que seguirán facendo unha "oposición sen cuartel" ao Goberno.
Os dous líderes definiron este martes a súa estratexia para o novo curso político, un período marcado pola complicada aritmética parlamentaria. Por iso, o presidente pediulles aos seus deputados "suar tinta (...), buscar apoios ata debaixo das pedras, cintura para dialogar".
Pero para a oposición, o que fai o Goberno é comprar votacións con diñeiro público. Segundo Alberto Núñez Feijóo, "por moito que gaste o noso diñeiro en disimulalo, é incapaz de aprobar leis sen subastar o Estado".
O PP ve o Goberno débil e puxa por un adianto electoral. Podemos tamén prepara o partido para ese escenario. Ione Belarra xa confirmou que vai presentarse ás primarias para ser reelixida secretaria xeral do partido.
Yolanda Díaz xa dixo que aínda non ten clara a súa candidatura nos próximos comicios. En todo caso, e a pesar das discrepancias internas, a líder de Sumar cre que "o Goberno de coalición goza de boa saúde".
En todo caso, Pedro Sánchez descarta un adianto. "Que eles pidan eleccións, que nós seguiremos gobernando ata 2027", dixo ante os seus deputados no Congreso.