Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP rexeita reprobar a Baltar a pesar da condena por un delito contra a seguridade viaria

O PP rexeita reprobar a Baltar a pesar da condena por un delito contra a seguridade viaria

G24.gal 12/02/2025 16:18 Última actualización 12/02/2025 16:29

O PPdeG, partido maioritario na Cámara galega, rexeitou este mércores reprobar o senador do PP por designación autonómica Manuel Baltar, condenado recentemente por un delito contra a seguridade viaria.

O Tribunal Supremo condenou a Baltar por conducir a máis de 200 quilómetros por hora na autovía A-52 en abril de 2023.

Por iso, os grupos da oposición -BNG, PSdeG e Democracia Ourensá- apoiaron unha proposición non de lei en que pedían a reprobación de Baltar.

A deputada do BNG Noa Presas reclamou que os representantes públicos deberían apoiar valores como "a exemplaridade, a representatividade e a lexitimidade", cuestións que "evidentemente Baltar non reúne de ningunha maneira", dixo.

“Máis ben”, segundo Presas, o termo que o define é de “delincuente”, tal e como fallou a xustiza.

A deputada nacionalista galega lamentou que o PPdeG tente xustificar a actuación de Baltar que xa acumula "varias multas" sen que os seus compañeiros de filas o reprendan aínda que "falamos dunha cuestión moi seria".

Insistiu en que "cada minuto que Baltar segue representando a Galicia é unha vergoña", polo que urxiu a que dea un paso atrás e abandone o seu cargo público no Senado co que foi "premiado" para non ter que comparecer ante a xustiza pola canle habitual.

A parlamentaria do PSdeG Carmen Dacosta tamén denunciou a "mancha de indignidade" que representa Baltar para a Cámara galega ao ser o "presidente kamikaze" condenado por un delito viario.

Ademais, a socialista tamén reprochou ao PPdeG a súa postura de converter o Senado no "acubillo dun delincuente".

O único deputado da formación Democracia Ourensá, Armando Ojea, xustificou o seu apoio á proposición non de lei porque "o feito é totalmente reprobable, entón pois que sexa reprobado", concluíu.

Con todo, o parlamentario do PPdeG, Roberto Rodríguez Martínez, criticou a incoherencia desta petición porque considerou que nacionalistas galegos e socialistas "predican para vostedes unha cousa e fan outra".

Deste xeito, o deputado fixo un repaso por "casos equiparables" nas filas do BNG e do PSdeG para os que non pediron reprobacións deste tipo, polo que demostran que esixen para outros "estándares de calidade democrática que non son capaces de cumprir", dixo, e reclamou "un pouco de coherencia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade