Netanyahu: "Se Hamas non devolve os reféns o sábado ao mediodía, volta á guerra"
Trump di que os Estados Unidos "se quedaran" Gaza, ao non haber "nada que comprar"
![Benjamin Netanyahu no Capitolio dos Estados Unidos o 7 de febreiro de 2025. REUTERS/Nathan Howard](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250211/reuters-netanyahu-no-capitolio-washington-eua.png)
O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, asegurou este martes que se o grupo islamita palestino Hamas non libera aos reféns antes do sábado 15 de febreiro ao mediodía, Israel volverá iniciar unha ofensiva armada na Franxa de Gaza. Fixo esta proclama tras convocar o gabinete de seguridade durante catro horas.
"A decisión que se aprobou por unanimidade no gabinete é esta: Se Hamas non devolve aos nosos reféns antes do sábado ao mediodía, o cesamento do fogo terminará e o exército volverá combater intensamente ata que Hamas sexa finalmente derrotado", dixo Netanyahu nunha videomensaxe, sen especificar se se refire aos tres cativos que estaban previstos no troco do sábado ou aos nove da primeira fase aínda con vida.
Un funcionario israelí, baixo anonimato e en declaracións á prensa do seu país, aclarou que se trata dos 9 reféns aínda con vida, e que deberían ser liberados nos 42 días da primeira fase do cesamento do fogo.
"Á luz do anuncio de Hamas da súa decisión de violar o acordo e non liberar aos nosos reféns, onte á noite ordenei que as forzas armadas se reunisen dentro e arredor da Franxa de Gaza. Esta operación está a levarse a cabo neste momento e completarase proximamente", engadiu.
Nun comunicado, o Exército israelí confirmou mobilizar tropas adicionais e reservistas no divisoria sur próxima a Gaza "en preparación para diversos escenarios".
A reunión israelí produciuse despois de que Hamas decidise este luns pospor o intercambio de reféns previsto para este sábado. O grupo citou como motivo as violacións á tregua cometidas polo Goberno israelí: atrasar por un día o regreso das persoas desprazadas ao norte de Gaza, seguir matando gazatís na Franxa ou só permitir a entrada do 10 % das 200.000 tendas previstas, de ningunha vivenda prefabricada nin de maquinaria para retirar cascallos.
Trump di que os Estados Unidos "se quedarán" con Gaza
O presidente estadounidense, Donald Trump, elevou o ton este martes respecto aos seus plans para a Franxa de Gaza ao asegurar que os Estados Unidos "se quedarán" co enclave palestino, porque "non hai nada que comprar".
"Ímonola quedar e ímola a coidar", asegurou Trump, en declaracións a xornalistas xunto ao rei de Xordania, Abdalá II, antes de manter unha reunión na Casa Branca.
Ademais, o luns Trump ameazara con desatar "o inferno" en Gaza se os reféns non estaban fóra antes do sábado ao mediodía. Unha idea que algúns funcionarios israelís, antes da reunión do gabinete, adiantaron que apoiarían.
"Polo que a min respecta, se non devolven a todos os reféns antes do sábado ás 12, un tempo apropiado, o que diría é que cancelemos todo. Todo está permitido e deixaremos que se desate o inferno", asegurou Trump desde o Despacho Oval tras a sinatura de varias ordes executivas.
Netanyahu reiterou este martes que todos "aplauden" esa suxestión de Trump, así como a súa "visión revolucionaria para o futuro de Gaza", como parece que pasou a coñecerse entre os funcionarios israelís a proposta de baleirar a franxa de gazatís, un crime de guerra se se realiza de forma forzosa, segundo o Dereito Internacional.