Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSOE abandona o Goberno local de Outes para non apoiar un "barco que vai á deriva"

O PSOE abandona o Goberno local de Outes para non apoiar un "barco que vai á deriva"

Quedará un Goberno en minoría conformado por CxO e BNG

O portavoz socialista acusou o alcalde de dedicarse máis á universidade que aos veciños

O alcalde asegura que o concello "seguirá funcionando con normalidade"

Concello de Outes Concello de Outes
G24.gal 04/02/2025 17:25

O PSdeG-PSOE de Outes anunciou este martes a súa decisión de saír do Goberno municipal, que pasará a ser un Goberno en minoría conformado por Compromiso Outes (CxO) e BNG.

“Tras a reflexión levada a cabo na organización e de acordalo a nivel local tomei a decisión de abandonar o executivo", sinala nun comunicado o portavoz socialista en Outes, Tono Caamaño.

Explica que esta decisión se toma tras “un ano e medio de goberno" en que non viron "nin grandes cambios nin pequenos con respecto ao Goberno anterior", lamenta o socialista.

Caamaño afirma que "se seguiron cometendo os erros do anterior Goberno, sen preocuparse o suficiente polo día a día das veciñas e veciños de Outes", polo que a pesar de que pensaban “que desde dentro teriamos máis forza para levar a cabo as nosas propostas, non foi posible".

O portavoz socialista critica ademais que neste momento "non hai nin un alcalde que atenda os veciños como fai falta, xa que como é sabido, agora ten dedicación na universidade".

Por iso, inciden na nota en que os socialistas non poden continuar dando “apoio a un barco que vai a deriva, sen capitán nin contramaestre, e vai directo ao cantil por moito que lle dea gas á sala de máquinas”.

"A partir deste intre volvemos á oposición, onde polo menos poderemos expresarnos sen medo e sen coaccións e defender de verdade as necesidades dos veciños e veciñas, que foron quen nos puxo aquí", concluíu.

O alcalde asegura que o concello "seguirá funcionando con normalidade"

Pola súa banda, o alcalde da localidade asegurou que "respecta" a decisión adoptada por Caamaño, aínda que non comparte as súas razóns.

"O goberno funciona razoablemente ben e seguirao facendo. Seguirá funcionando con normalidade. Reestruturaremos as áreas e seguiremos traballando. Estamos tranquilos nese sentido", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade