O PP rexeita o traspaso do control de fronteiras a Cataluña
O PP rexeita o traspaso do control de fronteiras a Cataluña
Os socialistas seguen negociando con Junts sen chegar a acordo polo momento
Junts mételle présa ao PSOE. Os de Puigdemont danlle un mes e medio para pechar un pacto para a transferencia de inmigración a Cataluña.
Os socialistas aseguran que as negociacións avanzan, sen dar ningún detalle.
"Cando cheguemos a un acordo, con Junts ou calquera outra formación política con representación no Parlamento, saberano e neste momento non hai nada que dicir", asegurou en conferencia de prensa a voceira do PSOE, Esther Peña.
Sumar descoñece os detalles desa negociación, pero recórdalle ao socio que o control das fronteiras e a xestión da inmigración irregular é unha competencia estatal. Ante os xornalistas, Yolanda Díaz amosouse "completamente segura que calquera negociación que exista no Goberno de España vai respectar estas competencias, nun país, ademais, que creo que se sente moi representado naquela imaxe do Aquarius, un país que é tremendamente solidario".
Pola súa parte, o Partido Popular reclama información do que se está negociando con Junts. Alberto Núñez Feijóo cre que "o independentismo empeza pedindo o control de fronteiras para impedir a entrada de inmigrantes irregulares e acaba convertendo unha comunidade autónoma nun estado". Para o líder popular, "a seguridade nacional é xusto o que non se pode despezar".