Publicador de contidos
Publicador de contidos

As dúbidas para o adiantamento dun ciclista: pódese atravesar a liña continua?

As dúbidas para o adiantamento dun ciclista: pódese atravesar a liña continua?

O Regulamento Xeral de Circulación inclúe a manobra de atravesar o carril contrario para adiantar unha bicicleta, pero sempre hai que deixar 1,5 metros de distancia lateral para facelo con seguridade

Desde o ano 2022 incumprir a distancia de seguridade cunha bicicleta e pór en risco o ciclista é unha infracción grave que implica unha multa de 200 euros e a retirada de ata seis puntos do carné

G24.gal 03/02/2025 14:21

Cada vez é máis común atopar ciclistas nas estradas, e segue habendo moitas dúbidas e tamén debate entre os condutores de se se pode adiantar un ciclista cunha liña continua. Para resolver calquera confusión, a Dirección Xeral de Tráfico explica como actuar neste caso.

O Regulamento Xeral de Circulación permite cruzar a liña continua nunha vía cando un coche quere adiantar un ciclista. A manobra está permitido facela, pero non de calquera xeito. 

"Os ciclistas hai que ter en conta sempre o metro e medio de distancia lateral mínima para adiantalos, mesmo que exista unha liña continua pódese atravesar, sempre que evidentemente fagamos a manobra con precaución e sen pór en perigo a seguridade viaria, explica David Llorente Rey, o xefe provincial de Tráfico en Ourense.

E de non facer o adiantamento con seguridade para o ciclista, ademais dunha infracción económica, tamén haberá a retirada de puntos. 

"Desde marzo de 2022 se os adiantamos con menos de metro e medio xa non só é unha infracción económica, que é de 200 euros, senón que supón unha detracción de ata 6 puntos", asegura o xefe provincial de Tráfico en Ourense.

"O condutor dun turismo adianta a outro turismo e vén un ciclista en sentido contrario, e se o pomos en perigo tamén é unha infracción grave de 200 euros e puntos. Polo tanto, sempre extremar a precaución cos ciclistas porque son un elemento moi fráxil da circulación", di David Llorente.

​​​​​​ "A verdade é que é moi importante que a xente sexa consciente porque hai en redes sociais unha auténtica loucura neste sentido, de que a xente aínda non sabe que facer. E sobre todo, hai que ter a empatía e a educación de que todos somos usuarios das vías públicas e temos que utilizalas e evidentemente respectarnos", di Carlos Moure Castro, da Fundación ADO Moure Pro Deporte. 

E os adiantamentos superando a liña continua tamén están permitidos, ademais de para as bicicletas, para adiantar os peóns, os ciclomotores e os mal chamados coches sen carné.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade