O treito da A-54 entre Palas de Rei e Melide abre este luns
O treito da A-54 entre Palas de Rei e Melide abre este luns
O ministro de Transportes, Oscar Puente, asistirá á posta en servizo deste treito da A-54, que une Santiago de Compostela con Lugo
A previsión do Ministerio é rematar a A-54 este 2025
O primeiro treito desta autovía, Santiago-A Lavacolla, foi inaugurado en 1999
O treito entre Palas de Rei e Melide vai ser inaugurado este luns polo ministro de Trasporte e deseguido está previsto que se abra ao tráfico. Este é o penúltimo treito pendente da A-54 que unirá Santiago de Compostela coa cidade de Lugo. O treito que se vai inaugurar este luns son case 12 quilómetros de autovía.
O Ministerio de Transportes ten previsto rematar durante 2025 esta autovía, que inaugurou en 1999 o seu primeiro treito, o de Santiago-A Lavacolla.
Quedan pendentes agora os 16 quilómetros do último treito, entre Melide e Arzúa, para completar os 93,4 quilómetros da autovía A-54.
Precisamente, esta semana, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Melide, José Manuel Pérez, para tratar as medidas relacionadas con esa inminente apertura do tramo da autovía A-54 entre a localidade coruñesa e Palas de Rei.
Está previsto que o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, visite Galicia este luns 3 de febreiro para asistir á posta en servizo do tramo Palas de Rei-Melide, e que posteriormente viaxe á Coruña para presenciar o cale do túnel 1 de acceso ferroviario ao porto exterior.
Coa realización do cale quedan as dúas partes do túnel comunicadas; xa que estas estruturas comezan a construírse perforando cunha máquina caladora polos dous extremos ao mesmo tempo ata o punto en que se comunican as dúas partes. Este túnel conta con 3,7 quilómetros de lonxitude e constitúe o principal elemento do novo acceso, que ten 5,5 quilómetros no seu eixe principal, actualmente en construción.