Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recomendan que o tráfico pesado non colla o novo tramo da A-54 entre Palas e Melide

Recomendan que o tráfico pesado non colla o novo tramo da A-54 entre Palas e Melide

Aconséllase que sigan usando a N-547 para non colapsar o centro de Melide

Fegatramer critica a medida e fala de falta de previsión

G24.gal 28/01/2025 15:11

Cada día atravesan o centro de Melide 7.000 coches e 800 camións. Un tráfico denso que, segundo temen no Concello, podería colapsar coa inminente posta en marcha da autovía desde Palas. Para collela os tráilers terán que xirar nunha rotonda e circular por unha arteria chea de servizos.

"Na rolda de Pontevedra hai moita vida comercial, hai un quilómetro ata o ramal da autovía e nel se concentran tres plantas de formigón e aglomerado, unha canteira, dous supermercados, un colexio, o tanatorio e o centro médico. Ademais está o feito de que os camións teñan que xirar noventa graos na rotonda do centro para coller a autovía", explica Xosé Manuel Pérez, alcalde de Melide.

Atendendo a proposta do Concello, o Ministerio de Transportes vai recomendar que os camións de máis de oito toneladas non collan a autovía e sigan usando a vella nacional 547.

Desde a Federación Galega de Transportes critican que non se fixera unha circunvalación para atallar o problema e falan de improvisación.

"Por fin vai abrir o tramo Melide Palas e non entendemos como fan esa recomendación para o tráfico pesado. O normal é, precisamente, que os transportistas vaian polas vías de alta capacidade por seguridade e velocidade comercial. Semella que a última hora caeron na conta de que os camións pasan polo centro de Melide, pero o certo é que xa pasan e terían que ter pensado con tempo nalgunha outra solución", di Xosé Carlos García Cumplido, o secretario xeral de Fegatramer.

Está previsto que o novo tramo se inaugure a semana que vén, e que a autovía entre Lugo e Santiago se complete a finais deste ano. Ata entón, semella que circular polo centro de Melide seguirá sendo unha misión complicada, e iso que xa se acometeron melloras nesta rotonda para facilitar o xiro dos camións.

Para garantir a seguridade, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, avanzou a recomendación do desvío para os vehículos pesados de máis de oito toneladas pola N-547 para evitar o seu paso pola AC-840 e a eliminación dos illotes para facilitar os xiros ao tráfico pesado, así como a instalación dun sistema de semaforización intelixente na glorieta de Melide para mellorar a fluidez do tráfico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade