Como hai que circular nas rotondas?
Como hai que circular nas rotondas?
Respectar a velocidade, a prioridade de paso e evitar cambios bruscos de carril
En España, en 49 anos, construíronse máis de 80.000 rotondas
Quen máis e quen menos, todos vivimos algunha situación de risco mentres circulabamos por unha rotonda.
"Eu ía polo carril exterior e o señor fixo un recto e colleume no medio e medio da miña porta, e o señor que a culpa era miña, que a culpa era miña".
"Non miran o que ven detrás, e nas rotondas hai que respectar os carrís, se hai que darlle dúas voltas, hai que darlle dúas voltas ata que o outro pase, e todo iso non se respecta, por iso hai accidentes", contan dous condutores.
Levamos case medio século convivindo con elas, temos máis de 80.000 espalladas por todo o país e seguimos sen saber como conducir nas rotondas. O debate volveu á palestra estes días por mor dun vídeo que se fixo viral en horas. Quen ten a culpa do choque?
"A culpa... o que vai por dentro, evidentemente, porque non se pode saír dende dentro", sentenza Cristina Sinde, profesora da autoescola SDS.
As rotondas son unha fonte de conflitos polos sinistros que nelas se producen. Formación non falta, pero igual si un pouco de civismo á hora de saír delas.
"Por dentro si se pode circular e se debe circular cando o carril da dereita está moi saturado, pero á hora de saír da glorieta hai que saír dende o carril de fóra", explica a profesora.
Para conducir nunha rotonda non queda outra que abrir ben os ollos.
"Pois si, porque ti queres igual ir para unha dirección, pero o outro que vai polo medio igual quere ir para tal, e sae".
"Ou ben por chulería ou por descoñecemento ás veces se mete, e é un foco de lea", apuntan outros condutores.
Un foco de conflitos que ten solución se seguimos a normativa e non buscamos atallos.