Pasa a disposición xudicial o acusado de matar a coiteladas un home en Redondela
Pasa a disposición xudicial o acusado de matar a coiteladas un home en Redondela
Dende un primeiro momento consideráronse relevantes as desavinzas entre a vítima e o agresor
A parella do falecido, agredida coa mesma arma branca, continúa ingresada no Álvaro Cunqueiro
Pasou a disposición xudicial este domingo o suposto autor da morte a coiteladas dun home de 43 anos en Redondela o venres pasado. Tamén está acusado de agredir a parella do falecido, que continúa ingresada en estado grave.
O Xulgado de Instrución Número 1 da vila leva este caso no que se consideran relevantes, dende un primeiro momento, as desavinzas entre a vítima e o agresor, posiblemente relacionadas coa súa actividade no mar.
O arrestado, de 48 anos, ten que dar conta do sucedido na madrugada do venres na avenida Xeneral Rubín. O falecido presentaba feridas de arma branca no peito, á altura do corazón, e no pescozo.
Ferida grave
A parella da vítima, de 42 anos, continúa ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro tras ser operada de urxencia das coiteladas que recibiu.
Este sábado transcendeu que posiblemente se citaron na noite dos feitos tras intercambiaren mensaxes de whatsApp con ameazas. Ambos os dous contaban con antecedentes penais.