López Campos: "O bono Emancípate é unha medida con ánimo de permanencia"
López Campos: "O bono Emancípate é unha medida con ánimo de permanencia"
Esta nova axuda, de entre 1.500 e 3.000 euros, beneficiará os menores de 36 anos que queiran emanciparse
O prazo para solicitala ábrese este próximo xoves 6 de febreiro
O conselleiro de Xuventude, José López Campos, debullou na Radio Galega os detalles do bono Emancípate, unha nova axuda que pon en marcha a Xunta para favorecer que os mozos se poidan independizar.
Esta achega suscitou, dixo, un grande interese entre os potenciais beneficiarios: menores de 36 anos que aluguen ou merquen unha vivenda. No caso do alugueiro, a subvención será de 1.500 euros; e no da compra ascenderá aos 3.000. Eses cartos entregaranse nunha tarxeta-moedeiro virtual.
"Con esa tarxeta virtual o que van a poder é facer pagamentos en comercios físicos de venda de mobiliario, de utensilios para a vivenda, de enxoval para o baño ou a cociña e -por suposto- para o pagamento dos gastos da xestoría ou da notaría".
Para poder solicitar o bono Emancípate -detallou o conselleiro López Campos- será preciso acreditar unha fonte regular de ingresos e estar empadroado na vivenda que se aluga ou se merca.
"Teñen que ter un contrato laboral en activo e -por tanto- teñen que ter garantidos unha serie de ingresos porque se non a emancipación evidentemente sería imposible. Establécese tamén un criterio máximo de renda que sería, para persoas individuais, de ata tres veces o IPREM (25.200 euros), e para parellas sería arredor de catro veces o IPREM".
O bono Emancípate poderase solicitar por medios telemáticos a partir deste próximo xoves, 6 de febreiro. Ten carácter retroactivo, isto é, poderanse beneficiar os que asinasen contrato de alugueiro ou compra dende o 31 de maio do ano pasado ata o 30 de abril deste 2025.
"As achegas outorgaranse por estrita orde de entrada. A partir de aí, cargarase a tarxeta virtual na aplicación móbil do solicitante, que terá que facer os gastos antes de que remate o ano".
A Xunta destina dous millóns de euros para unha medida que -segundo adiantou na Radio Galega o conselleiro José López Campos- se reeditará o ano que vén.
"É unha medida con ánimo de permanencia (...) e polo tanto volveremos sacar un bono Emancípate no orzamento do ano que vén e que teñan tamén os mesmos dereitos os que compren ou aluguen unha vivenda a partir do 30 de abril deste ano".