Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago acolle unha mostra con máis de 200 variedades de camelias

Santiago acolle unha mostra con máis de 200 variedades de camelias

A exposición pódese visitar esta fin de semana no centro sociocultural do barrio da Rocha

G24.gal 01/02/2025 20:41

As camelias son orixinarias de Oriente pero cando chegaron a Galicia, no século XIX, fixérono para quedar.

"Hai versións distintas sobre a súa orixe pero o que está claro é que a camelia chegou a Galicia e dase mellor que en ningún sitio", puntualiza Carlos Delgado, presidente da Asociación Cultural Rocha Forte, organizadora da mostra.

Vailles ben o noso clima e non requiren a penas de coidados.

"Pobriñas. Aguantan a xeada, o pedrisco, as chuvias e se lles vén neve tamén a aguantan", asegura Leonor Magariños, cultivadora de camelias.

Nesta mostra hai exemplares de 24 cultivadores, que trouxeron a Santiago desde distintos puntos de Galicia entre 200 e 300 variedades dunha flor que durante tempo só se puido ver nos pazos e que hoxe é tradición popular.

"É moi raro que vexas unha horta, aínda que non sexa moi grande, que non teña unha camelia", subliña Carlos Delgado.

Hainas de semente, cría e crecemento cen por cento galegos, coma a que cultivou e rexistrou Leonor co nome de El beso.

"Todos os cultivadores estamos intentando sacar novas variedades e saen cousas espectaculares. É un vicio tremendo, non o collades, aviso a todos os que me escoiten", bromea Leonor.

"Transmite Galicia. A camelia transmite Galicia", asevera Carlos.

A mostra aínda se pode visitar este domingo entre as dez da mañá e a unha da tarde no centro sociocultural do barrio da Rocha de Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade