Máis de 1.500 cans e 3.000 criadores cítanse esta fin de semana en Lugo
Máis de 1.500 cans e 3.000 criadores cítanse esta fin de semana en Lugo
Expo Canina 2025 alberga un certame de beleza e probas clasificatorias de axilidade
Unha oportunidade única para gozar do talento do mellor amigo do home. Iso é o que ofrece Expo Canina 2025, que congrega no Pazo de Feiras de Lugo máis de 1.500 cans e 3.000 criadores chegados de diversos países.
En primeiro lugar, os animais demostraron a súa rapidez e destreza nun torneo de axilidade que puntúa para poder asistir á copa do mundo.
César Martínez, presidente do Club de Agility Thunderdogs Galicia: "O que se valora é a velocidade, cun mesmo percorrido para todos, e que non haxa penalizacións. Os xuíces van marcar iso, e o máis rápido con cero penalizacións vai gañar".
Os animais tanto compiten nas probas de habilidade por ser os máis áxiles, a maioría border collies, como se exhiben no concurso de beleza os exemplares máis feitiños da súa raza. A tal efecto, no evento non faltan tendas con todo canto precisen.
Beatriz Rial Castro, comerciante de produtos para animais: "Trouxemos, da zona de Pontevedra, sobre todo suplementos e alfombras para darlles servizo aos cans".
Agustín Fontán, presidente da Sociedade Canina Galega: "A fin de semana temos tamén unha exposición de beleza e de morfoloxía".
Xunto aos campións e os seus adestradores, os visitantes poderán acceder cos seus propios animais de compañía. Iso si, sempre con correa, co fin de que non acaparen todo o protagonismo neste escaparate do mundo canino.