Celébrase o xuízo polo ataque de catro cans a unha veciña de Muíños
Celébrase o xuízo polo ataque de catro cans a unha veciña de Muíños
A acusación particular pide 2 anos e medio de cárcere para os donos dos cans por un presunto delito de lesións por imprudencia
Catro cans, tres deles de raza pitbull, causan graves feridas a unha veciña de Muíños
Hai dous anos que Feliciana Romero, veciña de Muíños, sufría o ataque brutal de catro cans de razas consideradas perigosas e quedaba ferida na cara e nas pernas.
"Aínda estou co psicólogo, sigo en tratamento", relata a vítima.
Hoxe celebrouse no xulgado do penal en Ourense a vista pola denuncia que presentou no seu día por estes feitos contra a propietaria dos animais e na que a acusación particular pide 2 anos e medio de cárcere para os donos dos cans por un presunto delito de lesións por imprudencia.
Na vista, o avogado da vítima chegou a un acordo coa aseguradora do único can que tiña seguro para outorgarlle á muller de 72 anos unha indemnización de 12.700 euros polos danos.
Agora a xuíza terá que decidir se houbo delito penal e a imprudencia dos donos dos animais.
O ataque
Nos feitos, que ocorreron en xaneiro do 2023, os animais saltaron un muro e abalanzáronse sobre a vítima, sen que houbese previa interacción e collérona por unha perna e empezaron a atacala. A dona dos cans tentou quitarllos de encima, pero sen éxito.
Debido ás lesións, de carácter grave, a muller tivo que ser trasladada nun primeiro momento ao punto de atención continuada de Muíños e logo ao complexo hospitalario de Ourense, polas graves feridas no rostro, sobre todo na cella e na pálpebra.