Extinguidos os incendios de Oímbra, Crecente e controlado o de Entrimo
Extinguidos os incendios de Oímbra, Crecente e controlado o de Entrimo
Medio Rural asegura que hai probas da intencionalidade do lume de Crecente, onde desactivou o nivel 2 de alerta tras arrasar 267 hectáreas
O que afectou ao Parque do Xurés, en Entrimo, queimou unhas 200 hectáreas
O lume de Oímbra, que calcinou 27 hectáreas, ameazou un depósito de combustible
A Consellería do Medio Rural dá por extinguido o incendio forestal que se iniciou a última hora do xoves na localidade ourensá de Oímbra e que, segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie próxima ás 27 hectáreas.
Estivo preto dunha granxa con depósitos de combustible, confirmou a alcaldesa, Ana Villarino, que explicou que por iso se concentraron nesa zona especialmente os medios.
Tamén está extinguido o incendio de Crecente, na parroquia de Filgueira.
Este incendio, do que se atoparon probas que apuntan á intencionalidade do lume, afectou unha superficie dunhas 300 hectáreas.
Mentres, o incendio rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, está controlado. Este incendio iniciouse o martes en Portugal (onde arrasou mil hectáreas) e entrou en territorio galego o mércores pola tarde. A superficie afectada é de 200 hectáreas.
Ademais, un incendio en Muíños-Requías quedou extinguindo a primeira hora da mañá tras calcinar pouco máis de 5 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
A peor vaga de lumes
Desde que o mércores o lume entrase a Entrimo desde Portugal vivíronse tres días nos que os incendios causaron a peor vaga deste ano, con máis de 520 hectáreas de terreo calcinado.
Ata este momento, o mes máis afectado en Galicia este 2024 fora o de abril, no que arderon 450 hectáreas. En todo o mes de agosto queimaron unhas 230 hectáreas de terreo.