Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UME aprende a actuar nos montes galegos da man dos servizos de emerxencia autonómicos

A UME aprende a actuar nos montes galegos da man dos servizos de emerxencia autonómicos

Incorporan o sistema Xeocode Lite para coordinarse cos servizos de extinción galegos

Os axentes galegos coñecen mellor o monte e a UME conta con máis medios para incendios graves

G24.gal 26/03/2025 14:54

Incendio de nivel 2, dos graves, con ameaza para casas ou persoas. Aos axentes forestais e ambientais da UDEX únese a UME.

"Eles veñen cando hai unha situación dúas xa declarada. Nós temos a vantaxe de ter un mellor coñecemento do terreo pero eles teñen unha gran cantidade de persoal e de medios", explica Juan Francisco Losada, técnico do servizo de prevención de incendios da Coruña.

O deste mércores é un simulacro no alto de Adraño, en fronte do monte Pindo, un clásico dos incendios do verán. Ambas unidades adéstranse xuntas, de maneira coordinada, para cando cheguen os incendios, que chegarán.

"Veñen adestrarse cos servizos de extinción de Galicia para amoldarse a como se traballa en Galicia nos incendios forestais", aclara Carlos Sanmiguel, axente ambiental da UDEX.

Unen forzas cun mesmo fin, pero cunha maneira de traballar moi diferente.

"Nós somos máis exército de guerrillas e eles e a UME é un exército convencional. Eles son un equipo que traballa en todo tipo de emerxencias e necesitan a rodaxe. Como cando veñen a Galicia é por incendios, con estas prácticas permitímoslle unha rodaxe para cando teñan que vir por un incendio forestal, teñamos unhas pautas de colaboración e podamos saber que facer cada un no seu ámbito", engade Sanmiguel.

A coordinación entre eles é clave.

"Eles están implementando a nosa aplicación de extinción de incendios que é o Xeocode Lite e a unidade da UDEX está axudándolles a que aprendan a usar esa aplicación. Sirve para sectorizar, establecer o plan de operación, saber onde imos traballar e como", detalla o axente da UDEX. 

Ademais do Xeocode Lite, o monte galego ten o seu aquel para os que veñen de fóra.

"Como é a tipoloxía dos grandes incendios forestais en Galicia e é importante saber cal é o seu comportamento", matiza Losada. 

Este foi precisamente un deses días propios de incendios no alto de Carnota, con vento forte e humidade alta, o mellor combustible para as lapas e o grande inimigo dos servizos de extinción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade