Un novo incendio amenaza Os Ánxeles e fai evacuar miles de persoas
Un novo incendio amenaza Os Ánxeles e fai evacuar miles de persoas
A extensión da superficie arrasada por este último incendio sitúase en algo máis de 4.000 hectáreas
O servizo nacional de meteoroloxía emitiu unha alerta vermella na zona advertindo de vento forte que manterá "niveis críticos" para o sur de California
Un novo incendio, chamado Hughes, pon en alerta Os Ánxeles e miles de persoas seguen sendo evacuadas e outras tantas están baixo advertencia pola rápida extensión e virulencia do lume, avivado polos fortes ventos que azoutan a zona.
O incendio foi declarado onte mércores pola mañá no norte de Castaic e en menos de dúas horas arrasou polo menos 2.000 hectáreas tras propagarse polos refachos de vento moi forte que alcanzaron ata 100 quilómetros por hora.
Os últimos datos do Departamento de Bombeiros de California situaban xa a extensión da superficie arrasada por este último incendio en algo máis de 4.000 hectáreas cunha contención moi baixa das lapas, só do 14 por cento.
Este novo incendio súmase á onda dos máis de dous centenares de incendios das últimas semanas en California, nos que polo menos 28 persoas faleceron polas chamas que arrasaron en conxunto máis de 16.000 hectáreas de terreo e obrigaron á evacuación de máis 150.000 persoas.
Hai máis de 4.000 bombeiros asignados para as tarefas de extinción, dos cales seguen sen estar contidos completamente outros tamén moi extensos, como o do Palisades e o de Eaton.
O servizo nacional de meteoroloxía emitiu unha alerta vermella na zona ata a mañá do venres advertindo de ambiente seco e ventos fortes que manterán "niveis críticos" para o sur de California ata o final desta semana.
Segundo expertos, as lapas están a consumir aproximadamente 14 hectáreas de terreo por minuto, o que obrigou as autoridades a emitir ordes de evacuación polo perigo das lapas.