O encontro de palilleiras reúne en Pontevedra un milleiro de artistas do encaixe
Moitas mulleres, e algún home, palillaron en compaña amosando que este xeito de enlazar os fíos ten parte de arte e parte de terapia
A Asociación Afeitiña vén de organizar un encontro de palilleiras que reuniu esta fin de semana unhas mil artistas do encaixe con palillos no Pazo da Cultura de Pontevedra. Moitas mulleres, e algún home, de todas as idades palillaron en compaña amosando que este xeito de enlazar os fíos ten parte de arte e parte de terapia.
Esperanza Marín, a presidenta da asociación organizadora do evento, licenciouse en encaixe europeo cando xa pasaba dos corenta. Palillaba de nena, e despois veu a teoría que agora ensina a outras mulleres.
No centro do encontro están expostas pezas de encaixe tecidas en Eslovenia, marabillas posmodernas milanesas e xoias alemás. En Galicia, coma no resto de Europa o encaixe vén do século XV.
"Galicia leva o encaixe no sangue, digamos o que digamos. Eu sigo recoñecendo que Camariñas é o nome que leva o encaixe polo mundo, pero as catro provincias galegas teñen encaixe. As catro palillamos todas. O encaixe é amor, gusta, e a xente que o vive é feliz con el", conta a TVG Esperanza Marín, palilleira e presidenta da asociación Afieitiña de Pontevedra.
"O talento suma moito. Ti se tes talento co encaixe búlgaro, co encaixe francés, co español, co galego podes facer un mundo de cousas. Co traballo tamén. O encaixe é algo artístico, pero ante todo é terapéutico. Para min é onde te desafogas", engade Alba Ramírez, alumna de Esperanza Marín e hoxe profesora palilleira no Porriño.
Ese desafogo é o que sente este procurador en tribunais, Ernesto, un dos homes que este domingo palilla no encontro de Pontevedra.
"Os labores do fogar finalmente están atribuídos á muller e supoño que iso ten que ir mudando. No meu caso xa foi mudando. E penso que cada vez hai máis homes que xa se atreven co encaixe dos palillos. E ter algo que facer, un foco, un labor concreto. Ocúpache a cabeza e estás centrado absolutamente facendo iso", explica Ernesto Vázquez, un dos poucos homes palilleiros do encontro en Pontevedra.
En terapia, distraídos, en harmonía coa labor que un ten diante... todo iso é a arte de facer encaixe cos palillos.