Camariñas mostra o seu encaixe máis vangardista
Camariñas mostra o seu encaixe máis vangardista
Camariñas celebra unha nova edición da súa Mostra do Encaixe, a trixésima segunda.
Inaugurada onte oficialmente, durante este Xove Santo e a xornada de mañá, Venres Santo, agardase a maior afluencia de público.
Camariñas esta de moda é o lema desta edición da Mostra do Encaixe que desde hai 32 anos acolle esta vila da Costa da Morte.
Trece deseñadores, corenta modistas noveis e once artesáns son os números desta edición na que unha vez máis as protagonistas volverán ser as palilleiras que aprenden desde nenas esta arte milenaria que precisa maña, gusto e moitas horas de traballo.
"Non as contamos porque todos os días non palillamos. Ao mellor hoxe palillo todo o día ou palillo unha hora ou dúas. Ao mellor mañá non palillo, ao mellor palillo seguido. Non se contan as horas".
"Para empezar si, moitas horas. Despois non porque xa colles práctica e xa se vai mellor desde que un sabe".
Un oficio que parece ter garantido o relevo coas novas xeracións que veñen pedindo paso e que achegan innovación nos usos do encaixe.
"Sempre intento ir un paso máis aló e integralo. Este ano fixen unha especie de estatua na que integrei o encaixe nesa escultura. Pois iso, darlle outras aplicacións que non se adoitan".
O carácter internacional da mostra achégano as delegacións de varios países europeos, desde o veciño Portugal a outros máis afastados como Polonia e Bulgaria.
"Hai once delegacións estranxeiras e con moito cariño as máis afíns a nós son, Novedad e Peniche, porque estamos irmandadas".
A mostra estará aberta, en horario de mañá e tarde, ata o domingo.